Lugo, 5 de xullo, 2021. A presidenta provincial, Elena Candia, felicitou persoalmente a Asoporcel polo premio Galicia Calidade que lle vén de outorgar a Xunta de Galicia. Neste senso, Candia púxose a disposición dos integrantes da asociación lucense co fin de “seguir apoiando un proxecto no que creo e que admiro”. A este respecto, destaca “a capacidade que teñen de atraer xente o medio rural” e a súa aposta polas razas autóctonas.
Asoporcel é unha entidade sen ánimo de lucro que naceu en 1.999 coa finalidade de recuperar e conservar a única raza porcina autóctona de Galicia. Na actualidade, 136 explotacións galegas están adheridas a esta asociación. Segundo datos do xerente, Iván Rodríguez, e do presidente, José Barreira, anualmente realízanse unha media de 150 sacrificios de animais baixo este selo, o que xera ao redor de 160 toneladas de carne. A maior parte da comercialización realízase en forma de produtos elaborados e salado-curados, aínda que cada vez é maior a demanda de pezas frescas de carne.