Lugo, 22 de xullo de 2021. A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, informou hoxe de que as forzas e corpos de seguridade reforzarán os dispositivos que vixilan o cumprimento das medidas sanitarias contra a pandemia na fin de semana do día de Santiago e intensificarán o seu traballo nos municipios para os que a Xunta anunciou novas restricións. Así o anunciou Isabel Rodríguez trala reunión de coordinación policial celebrada na Subdelegación do Goberno, na que participaron mandos da Garda Civil, a Policía Nacional, a Policía Autonómica, a Policía Local de Lugo e representantes de Protección Civil e da Subdelegación.
Isabel Rodríguez destacou que nos próximos días está previsto reforzar os controis nos concellos da comarca da Mariña para os que a Xunta acordou fixar o nivel alto de restriccións. A subdelegada explicou que, unha vez que entren en vigor as novas medidas anunciadas pola Xunta, intensificarase o labor de vixilancia que realizan conxuntamente as forzas de seguridade nos municipios de Cervo, Burela, Foz, Ribadeo e Viveiro.
Ademais, manteranse os dispositivos de vixilancia en lugares nos que poden producirse aglomeracións de persoas, tanto na cidade de Lugo como no resto da provincia, moi especialmente na fin de semana do Apóstol.
Rodríguez destacou a boa coordinación coa que están a traballar todas as forzas e corpos de seguridade na provincia e reiterou o seu agradecemento polo gran esforzo que están a facer.
Asímesmo, a subdelegada apelou, unha vez máis, a necesaria responsabilidade individual en cumprimento das normas decididas polas autoridades sanitarias que teñen a finalidade, dixo, de poñer freo á expansión da pandemia.
BALANCE DE SETE DÍAS
Na reunión, a subdelegada informou de que a Policía Nacional e a Garda Civil realizaron 524 controis na última semana, coa participación de 1.098 efectivos, nos que se identificou a 5.870 persoas. Foron controlados ademais 4.863 vehículos. E realizáronse 424 inspeccións a establecementos de hostalería. Froito dos controis realizados entre os días 15 e 21 de xullo, as forzas de seguridade do Estado realizaron 32 propostas de sanción.