Ribadeo, 13 de xullo, 2021. O próximo xoves, 15 de Xullo, ás oito da tarde estará no Teatro de Ribadeo, o economista Xabier Pérez Davila para presentar o seu libro “Socialismo en Europa 2020”. O autor xa estivo en Ribadeo no 2016 para a presentación do seu traballo “Alén da Casta” e no 2019, coa ex-eurodeputada Lidia Senra para amosar “O futuro das pensións”, unha obra colectiva con 16 autores. Tamén é moi coñecido na nosa vila pola sua colaboura co colectivo de pensionistas MODEPEN.
Partindo de unha análise crítica das teorías do valor, no traballo actual Pérez Davila debulla a evolución do capitalismo nos últimos decenios, a gran concentración de capital e o elevado nivel de coñecemento das clases asalariadas nos países occidentais, que xunto cas grandes mobilizacións e protagonismo político-social dos movementos feministas e ecoloxistas xeran as condicións axeitadas para propiciar a introdución de reformas políticas, económicas, lexislativas e sociais que abrollen a unha sociedade mais xusta e igualitaria.
Baixo ese prisma poderían atopar solución os grandes problemas do noso tempo que as fantasías neoliberais non fan senón acrecentar e afondar descargando sobre as clases traballadoras os impactos negativos sobre a saúde, a precaridade laboral, os recortes no estado do benestar, e o aumento da temperatura que ameaza con destruír a vida no planeta sen que as milagreiras solucións tecnolóxicas pasen das operacións de marketing de Silicon Valley á realidade cotiá. A alianza entre capital e orde patriarcal impide avanzar na igualdade económica real da muller, que terma da tripla carga de traballo retribuído de mercado, doméstico e de coidados.
“E tempo de reabrir un proxecto civilizador que poña o ser humano por diante da produción de mercadorías e máis-valía”, remata a nota da contraportada de esta aportación á bibliografía mundial sobre o tema, escrita en idioma galego e dende Galicia.