E isto é especialmente importante tendo en conta que se trata dun colectivo que non está vacinado e carecen do mellor antídoto contra a pandemia. Por iso, a líder nacionalista considera incomprensible que se anuncie unha baixada no ritmo de vacinación precisamente no verán, nun momento onde medran os desprazamentos e a relación social.
“A clave é a vacinación que aínda non chegou á xente moza, por iso nos parece un contrasentido que se anuncie que se vai baixar o ritmo e pedimos ao Goberno central e ao Goberno da Xunta que fagan todo o posible para que non se reduza o ritmo e o antídoto chegue canto antes tamén a xente nova. Porque o que é evidente é que o virus non se vai de vacacións no verán e non se entende que xusto cando máis aumenta a socialización se poida retrasar a vacinación, tendo en conta ademais que o grupo social que máis se move e se relaciona é a mocidade”, argumentou.
A líder do BNG demandou que se traballe para que canto antes a vacina chegue á xente nova, colectivo que, despois das persoas maiores, “sufriu especialmente a pandemia nas súas vidas, tanto no ámbito social como no económico, polas dificultades tanto para socializar nun etapa en que a relación é importante, como para ter acceso ao mercado laboral”, concluíu.