Site icon Crónica3.com A Mariña

Política Social analiza coas promotoras das casas niño da provincia a evolución desta medida pioneira para a conciliación no rural

Lugo, 19 de xullo de 2021. O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, acompañado do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, mantivo unha reunión coas promotoras das casas niño da provincia para analizar a evolución desta medida pioneira para a conciliación no rural, así como para por en común proxectos futuros e resolver posibles dúbidas.

Durante a visita, Jacobo Rey puxo en valor a posta en marcha desta iniciativa, que leva funcionando desde o ano 2016 e que ao remate deste 2021 chegará a máis de 90 casas niño e ofrecerá preto de 500 prazas de atención infantil para nenas e nenos de 0 a 3 anos, 100% gratuítas para as familias.

As casas niño son un servizo de atención á infancia para os concellos do rural que ofrecen unha atención sen custo ningún para as familias, próxima e individualizada para os máis pequenos. Cada centro pode acoller ata a cinco nenos. Trátase dun programa pioneiro que ten como obxectivo dotar a todos os concellos de Galicia dun servizo de conciliación.

O Goberno galego continúa avanzando no seu obxectivo de adaptar as medidas autonómicas ás necesidades das diferentes familias. Para as que deciden vivir no rural, a través da creación de casas niño e casas do maior ou reducións fiscais para a compra de vivenda, e para todas as demais a través da gratuidade das escolas infantís para segundos fillos e sucesivos ou a Tarxeta Benvida, que axuda de xeito directo ás familias na compra de produtos básicos para os seus bebés.

Exit mobile version