O pleno formará parte dun acto no que se homenaxeará a figura de Suso do Bahía, que “tanto pelexou pola nosa vila levando o nome de Foz con orgullo por todos os recunchos de Galicia e fóra dela: un veciño destacado pola súa achega á comunidade en moitos ámbitos”, explica o alcalde, Francisco Cajoto. O evento, que contará coa colaboración de amigos e compañeiros de Suso, dará comezo ás 18 horas na Sala Bahía e o acceso será limitado baixo invitación, debido ao aforo establecido pola normativa COVID. De calquera xeito a poboación de Foz poderá asistir ao acto de forma telemática, xa que se ofrecerá un directo a través dun enlace nas redes sociais oficiais do Concello de Foz.
Será o periodista Xulio Xiz o encargado de presentar e levar a batuta da celebración, na que intervirán: Antón Niñe, Xosé Carlos Paleo (presidente do CCA-ACIA de Foz), Paco Piñeiro e Francisco Cajoto. A homenaxe contará cun pequeno vídeo na honra de Suso encargado polo Concello e coa achega musical en directo da Banda Municipal de Foz.
O alcalde focego quere “agradecer a valía de Suso e a paixón coa que exerceu o seu cargo de cronista oficial así como á familia e amigos a colaboración para a preparación dunha homenaxe máis que merecida”. A homenaxe a Suso Fernández que comeza este domingo terá continuación coa exposición dedicada á súa vida no edificio do CENIMA, que será inaugurada o xoves 15 de xullo ás 19 horas.
Cajoto engade que Xoán Ramón Fernández Pacios “é a figura idónea para a figura de cronista, como demostra a unanimidade que se acadou na xunta de voceiros previa. Historiador sobradamente coñecido, conta cunha importante bagaxe no estudio da historia local de Foz e de toda A Mariña. É unha honra e unha sorte que podamos contar cun perfil como o del e que aceptara a responsabilidade e o traballo que conleva o cargo, o cal non ten ningún tipo de remuneración económica”.