Site icon Crónica3.com A Mariña

Para o PP o programa ‘Saborea a túa provincia’ é “un novo exemplo de sectarismo pois desenvolverase en nove concellos gobernados polo PSOE”

Lugo, 28 de xullo de 2021. O Grupo Provincial do PP denuncia, unha vez máis, o “vergoñento sectarismo do goberno da Deputación de Lugo: este goberno bipartito é absolutamente sectario con todos os concellos que teñan alcaldes populares”. Os populares sinalan como proba máis fehaciente e recente ao programa ‘Saborea a túa provincia’ presentado no día de onte polo presidente da Deputación, o sectario señor Tomé”.

O voceiro popular, Javier Castiñeira, explica que “o programa desenvolverase en nove concellos da provincia que acollerán degustacións de produtos autóctonos intentando promocionar os produtos da nosa provincia”. Pero incide en que “todos están gobernados polo Partido Socialista. Deses nove concellos non hai ningún gobernado polo Partido Popular”.

Castiñeira subliña que “non é unha casualidade. Vímolo dicindo sobre diferentes fondos e subvencións de Presidencia onde o reparto é absolutamente desproporcionado. Vémolo en moitas actitudes nas que o goberno bipartito redirixe as súas inversións e deixa de lado a moitos concellos pequenos que vén como a Deputación de Lugo os abandona”.

Abandono aos pequenos concellos
“Este feito vergoñento e sectario vai en contra da practicamente a metade da poboación, dos lucenses e da metade dos comerciantes. É un agravio absoluto a moitos veciños da provincia que están ben representados por alcaldes populares, pero que están vendo que o goberno da Deputación de Lugo pasa absolutamente deles”.

O popular recorda que “un de cada dous concellos da provincia ten un alcalde do Partido Popular. Esta é unha realidade que se dá dende hai moitísimos anos, pero o que tamén é certo é que dende que goberna o bipartito pero, especialmente o señor Tomé, non existe esa proporción no reparto dos fondos na Deputación de Lugo”, condena.

Pleno Deputación
“O Partido Popular non minte. Xa dixemos en días pasados que era o goberno máis sectario e caro, pois só está preocupado en repartir o pastel aos seus e deixa de lado proxectos que, verdadeiramente, teñen sentido para esta provincia”. Refírese así Castiñeira a que o equipo de goberno rexeitase no día de onte a iniciativa dos populares de sumar a AJE Lugo para os Fondos Next Generation. “Desprezouse claramente a un colectivo importantísimo na nosa provincia. Francamente non o entendemos”, engade.

A este respecto, Javier Castiñeira agarda que acordo adoptado sobre a Casona do Incio “non quede en papel mollado como os anteriores”. “Este é un inmoble emblemático que a Deputación non pode deixar caer. Agardamos que o preserven e que nun curto prazo de tempo dean prazos concretos dos traballos que se levarán a cabo para evitar que aconteza o mesmo que coa Botica de Guitiriz”, sinala.

Depuradora Barreiros
Por outra banda, os populares consideran que onte quedou claro “o lío montado” pola alcaldesa de Barreiros respecto da depuradora. A deputada socialista, Pilar García Porto, confirmaba cun “non” rotundo que a nacionalista nunca se puxo en contacto coa Deputación para solicitar a colaboración desta institución e completar así o compromiso orzamentario que a Xunta de Galicia lle puxo enriba da mesa á entidade local. “Eu me pregunto como se pode mentir tan descaradamente”, afirma o deputado e voceiro neste municipio, José Manuel Gómez Puente. E é que, lembra o barreirense, “foi a nacionalista a que o dixo publicamente”.

“O que nos quedou onte claro é que a única administración que ten vontade política para desbloquear o asunto é o Goberno galego. Co que se dixo onte, semella que o Estado tampouco o fará, pois se a alcaldesa non falou cos seus socios da Deputación, moito menos o faría cos do Goberno central”, remarca.

Por tanto, engade o deputado mariñao, “pedímoslle que deixe de mentir aos veciños, pois as mentiras en política teñen as patas moi curtas. Lamentablemente, onte así quedou demostrado”, concluíu.

Exit mobile version