Viveiro, 29 de xullo de 2021. O Concello de Viveiro quere trasladar o seu ánimo ao deportista Adrián Ben, quen compite nestes días nos Xogos Olímpicos de Tokio. O viveirense logrou a súa clasificación para a competición o pasado mes de xuño, cando ademais se proclamou campión de España de 800 metros, distancia na que competirá contra os mellores atletas do mundo.
Co obxectivo de apoialo durante estes días, o goberno local colocou varias pancartas no Concello de Viveiro para animar ao atleta. Esta será a primeira cita olímpica para o deportista, pero Adrián xa acumula varias participacións e éxitos noutras competicións internacionais de calibre.
Adrián Ben competirá na proba de 800 metros este sábado 31 de xullo ás 2:50 da madrugada segundo a hora española. No caso de lograr a súa clasificación nesta primeira fase, o viveirense podería competir na semifinal, o 1 de agosto ás 13:25, e posteriormente nunha hipotética final que se celebra o 4 de agosto ás 14:05, de novo ambas segundo a hora española.
“É un orgullo para Viveiro que un dos nosos deportistas estea na cita máis importante para o deporte internacional. O duro esforzo e traballo de Adrián para chegar aos Xogos é realmente admirable, parabéns e moita sorte”, afirma María Loureiro, alcaldesa de Viveiro.