Burela, 27 de xullo, 2021. A internacional brasileira Camila Gadeia Silva cumprirá a súa quinta campaña na Mariña. A peche, de 31 anos, amosouse moi ilusionada por seguir formando parte do proxecto do Pescados Rubén Burela FS para 2021-22: “Estou moi contenta, disposta a seguir dando o mellor de min e axudar o equipo. Quero continuar facendo historia en Burela, que xa é a miña casa”.
Despois de dúas tempadas defendendo a elástica laranxa, Cami regresou ao conxunto galego no mercado de inverno de 2020 tras conquistar a Copa América con Brasil. Nos últimos días de vacacións no seu país, o eterno sorriso das Guerreiras confesa as súas ganas de retomar a actividade e a emoción do futsal: “Teño moitas ganas de volver xa pisar a pista de Vista Alegre. Espero que volva ser unha gran tempada, mesmo mellor que a pasada”.
A 8 burelista é a segunda renovación tras a da moza meta cántabra Sandra Buzón, coas internacionais Irene Samper e Elenita como novidades e a continuidade de Ale de Paz, Leti, Jenny Santos e Cilene.