Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas de Mondoñedo interésanse pola obras da Ponte de Arco en Masma, polas melloras no barrio dos Muíños e as obras da Praza da Catedral

Mondoñedo, 19 de xullo de 2021. O Grupo Socialista de Mondoñedo interesouse na pasada sesión plenaria extraordinaria celebrada o pasado xoves 16 de xullo, polo proxecto para reparar a Ponte de Arco en Masma, pola situación para recuperar a auga no río dos Muíños, así como a retirada dos eucaliptos que hai detrás das vivendas deste barrio. Tamén interpelou ao Goberno Local sobre cando ten previsto comezar as obras de remodelación da Praza da Catedral.

No que se refire a Ponte do Arco en Masma, este proxecto incluíuse dentro do Plan Único da Deputación 2020, presentado no rexistro da Deputación o 1 de xullo de 2020, cun investimento concreto para esta obra de 18.952 euros. A memoria presentada para esta obra foi realizada polo enxeñeiro civil, Ruben Pérez López da empresa CERES INGENIERIA. E tal e como consta na resolución da Alcaldía 2921-011, a redacción deste proxecto da ponte do Arco, así como a dirección da obra tivo un custo total de 1.089 euros.

Permisos
Con data 30 de xuño a arquitecta municipal emite un informe técnico no que sinala que son necesarias catro autorizacións para realizar esta reparación; do servicio de Patrimonio Natural da Xunta, da Unidade de Vías e Obras da Deputación, da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural e por último de Augas de Galicia, que non autoriza esta obra.

Adxudicación da obra
Na Xunta de Goberno Local celebrada no Concello de Mondoñedo o 7 de outubro de 2020, o Goberno Local adxudica o contrato desta obra, no que sinala textualmente; “na actualidade a ponte sobre o que se actuará presenta claros sinais de deterioración no alicerce principal por o impacto dunha árbore no leito do río da ponte de Arco en Masma (Mondoñedo), o que pode comprometer a estabilidade estrutural da ponte e inducilo a colapso con os seus consecuentes riscos para viandantes ou condutores que tenten crúzalo. (…) O orzamento de execución é de 15.663,20 € máis IVE. Coa finalidade de acadar a mellor oferta, cursouse invitación a tres empresas, acadándose as seguintes: Obras y Viales Teixeira, S.L: 15.663,20 euros máis IVE.; CARFERLO, S. L: 15.663,20 € máis IVE;EXCAVACIONES RAMSEI S.L.: 15.500 euros máis IVE. Resultando a oferta economicamente mais vantaxosa a presentada por EXCAVACIONES RAMSEI S.L., a Xunta de Goberno Local, por unanimidade dos membros presentes acorda: ADXUDICAR a EXCAVACIONES RAMSEI S.L. o contrato de reparación da ponte do Arco no prezo de 15.500 euros máis IVE.”

Augas de Galicia non autoriza
Augas de Galicia remite unha resolución ao Concello de Mondoñedo con data 16 de marzo de 2021 coa que non autoriza a realización desta obra. Tal e como se sinalan nas bases do Plan Único da Deputación de Lugo 2020, este investimento pode executarse noutra obra municipal, como así xa o solicitou o Concello. Concretamente para este investimento destinarase para o acondicionamento de camiños municipais de Coubeira, Masma e Argomoso que forman parte das obras da Deputación do Plan Único 2021, por un importe total de 20.041 euros. Segundo sinalaron desde o Concello nesta sesión plenaria “as obras da Ponte de Arco non poden realizarse porque son moi complexas. E esperan nun futuro poder executalas”.

Barrio dos Muíños
O Grupo Socialista de Mondoñedo preguntou en que situación se atopa a negociación con Augas de Galicia para recuperar a auga no río dos Muíños, e sobre si se presentou algún proxecto?. “Comunicáronos que se xa se presentou un proxecto e prevén que sexa aceptado”. E sobre os eucaliptos que hai detrás das vivendas, dende o Goberno Municipal explicaron “que non ían pasar outro inverno alí”.

Praza da Catedral
No que atinxe ao comezo das obras na Praza da Catedral avanzaron dende o Concello, “que terán que estar adxudicadas arredor do 9 de setembro”. “Hai que lembrar que este proxecto tivo varias modificacións dende o seu inicio, xa que o proxecto proposto inicialmente polo Goberno do PP afectaba irreversiblemente á estrutura e fisionomía deste espazo, que foi declarado Conxunto Histórico-Artístico e Patrimonio da Humanidade dos Camiños a Santiago. Polo tanto, o goberno municipal renunciou ás obras máis lesivas para a praza, limitándose agora a executar as de saneamento, iluminación, accesibilidade e repavimentación deste entorno”.

Exit mobile version