Recentemente, as populares estiveron no barrio dos Galos, que é un exemplo de como o Concello “non garante a igualdade entre veciños”. Anteriormente, segundo explica a vicevoceira, mantiveron reunións cos veciños da Torre, Justo Barreiro, San Miguel, Rúa do Amalló, A Pega, Faxarda e Alza San Lázaro; núcleos que adolecen de accesos axeitados e dunha seguridade que garanta o acceso rodado aos usuarios.
Precisamente, Elena Sierra destaca que “levamos a pleno durante estes meses a necesidade da súa mellora e o único que contestaron foi que non estaban tan mal ou que non eran prioritarios. En definitiva, escusas para non investir, pero é inxusto que estean neste abandono”, reclama.
Para a Montse Seijo, a situación dos núcleos urbanos reflíctese tamén nas parroquias do rural, “que están esquecidas polo goberno do BNG”. “Sabemos que non lles gusta oír isto pero o certo é que só fai falla darse unha volta para ver como están as estradas do Concello e da Deputación para darse conta da deixadez existente, como tamén da falta de desbroce e do deterioro das estradas, das áreas recreativas e dos colectores de lixo”. Precisamente, sobre estes últimos puntualiza que “non os hai en todos os tipos e, os que hai, están rotos ou teñen unha falta de base”.
Peticións claras ao BNG
Por este motivo, os populares volven a pedir aos nacionalistas que “actúen para que non haxa veciños de primeira e de segunda, elaboren un plan de traballo en serio e que se deixen de dar escusas aos cidadáns”, ao tempo que demandan “a colaboración co asociacionismo para trazar un plan de infraestruturas e un contacto directo con eles, así como unha programación de limpeza e de desinfección”. E é que, segundo afirma a coordinadora de Medio Rural, “despois de 14 anos do BNG non investiron nin un só euro nas estradas do rural e do casco urbano. O único que importan son as fotos e anuncios que non se cumpren”, manifesta.