Lugo, 18 de xullo, 2021. Os deputados do Partido Popular pola provincia de Lugo, Jaime De Olano e Joaquín García Díez reclaman ao Ministerio do Interior a urxente renovación do anticuado parque móbil da Comandancia da Garda Civil en Lugo, así como a dotación de chalecos de protección individual aos axentes, dos que nin tan siquera a metade contan con eles.
As demandas formuladas polos representantes populares no Congreso teñen o seu punto de partida na resposta que o Goberno ofreceu ás preguntas formuladas sobre os medios materiais dos que dispón na actualidade a Comandancia lucense.
Logo de analizar os datos achegados por Interior “observamos o preocupante estado do parque móbil da Garda Civil na provincia de Lugo, con máis de 73 unidades que teñen unha antigüidade superior a 15 anos ou máis de 300.000 quilómetros, 13 con ITV desfavorable”, denuncian Jaime Olano e Joaquín García.
Unha situación, engadiron, “aínda peor no tocante á protección individual dos axentes, xa que só o 43% dos efectivos dispoñen de chalecos”. Así, dos 979 axentes destinados na provincia só 417 contan con eles, “cando por obvias razóns de hixiene e sobre todo polo covid-19 o esixible sería chalecos de uso individual e non compartidos como sucede”.
Despois de 177 anos traballando pola liberdade e seguridade dos cidadáns, “a Garda Civil é o corpo de seguridade mellor valorado pola sociedade e referencia a nivel internacional”, declaran, subliñando que nun territorio rural e cunha forte dispersión da poboación como é o caso da provincia de Lugo é fundamental a súa presenza cos medios materiais más axeitados.
RESPOSTAS DO MINISTERIO DO INTERIOR
As preguntas do deputados do PP e as respostas do Goberno foron as seguintes:
Sobre os vehículos
Cal é a antigüidade media dos vehículos que utilizan habitualmente os efectivos da Garda Civil da Comandancia de Lugo?
Resposta (do 9 de xuño): “A 31 de decembro de 2020, a antigüidade media (en anos) dos vehículos da Comandancia interesada pertencentes ao Servizo de Material Móbil (SMM) era de 11,72 e da Agrupación de Tráfico da Garda Civil era de 4,84”.
Na resposta do Ministerio de interior infórmase tamén que “se está procedendo á renovación e adquisición de diferentes tipos de vehículos, priorizando os máis antigos e con máis quilómetros, e para o ano 2021 está previsto tramitar diferentes expedientes administrativos para a adquisición de 1.100 vehículos por un importe de 30.444.164,30 euros”.
Cantos vehículos adquiríu e cantos substituíu desde 2015 ata a actualidade, desagregado por anualidades na Comandancia da Garda Civil de Lugo?
Con cantos vehículos con máis de quince anos de antigüidade ou máis de 300.000 quilómetros conta a Comandancia da Garda Civil de Lugo?
Resposta (do 9 de xuño): “O número de vehículos da Garda Civil na comandancia interesada, con máis de 15 anos de antigüidade ou 300.000 quilómetros, é de 73”.
Sobre os chalecos de protección individual
Cantos chalecos de protección individual exterior e interior, de maneira desagregada para homes e mulleres, hai na actualidade na Comandancia da Garda Civil de Lugo e cantos caducarán ao longo do ano 2021?
Resposta (do 24 de xuño): Externos estándar 315; externos específicos (femininos) 59; internos estándar 39; internos específicos (femininos) 4. Ademais indícase que en 2021 caducan 3 chalecos.