O edil ribadense contou que “como consecuencia dos temporais do inverno pasado quedaron danados os accesos das praias de Rochas Brancas e do Cargadoiro, neste caso a cala máis próxima ao Forte de San Damián. Por temas de seguridade, vímonos obrigados a pechar este acceso de inmediato e desde ese mesmo momento comezamos a traballar co Servizo Provincial de Costas na súa reparación para esta tempada estival. Finalmente foi posible a reparación da baixada de Rochas Brancas, cunha serie de problemas que retrasaron a reapertura por temas de mareas e as obras que se complicaron, porque co mar é o que temos. Pero no caso da praia do Cargadoiro, que é a que máis interesa agora mesmo, que é a que está pechada, tanto os técnicos de Costas como os técnicos municipais concordaban na dificultade de levar a cabo unha actuación que presente a seguridade necesaria para os usuarios e usuarias desta infraestrutura, o que nos obrigou a contratar a unha empresa especializada en xeoloxía para que analizase o terreo, como estaba, como estaban as escaleiras e as posibles solucións”.
Jorge Díaz explicou que “onte recibimos o resultado dun primeiro informe desta empresa concluíndo que iso está inestable e que a día de hoxe non é segura esta baixada tal como está. Estamos a traballar nas medidas que eles propoñen para reforzar o terreo para abrila, habería que reforzar a escaleira na baixada, non enteira senón en certas partes. Estamos pendentes de facer un proxecto para ver o que custa ese arranxo para que estea seguro ese acceso á praia do Cargadoiro”.
O concelleiro de Medio Ambiente engadiu que “iremos informando á veciñanza e á xente que usa esa cala, que leva usándoa toda a vida, paseniñamente dos resultados porque o informe desta empresa técnica de xeoloxía dinos que tal como está non se pode abrir por seguridade, aconsella non abrir porque está inestable. Entón, ata que non tiñamos un orzamento do que custa asentar todo iso e de como se pode levar a cabo para que estea seguro, non a imos abrir e desde logo non imos poñer en perigo á veciñanza deste concello”.