Site icon Crónica3.com A Mariña

O XII Run Foz Run celebrarase o 14 e 15 de agosto

Foz, 30 de xullo, 2021. Os días 14 e 15 de agosto terá lugar, nos arredores do Cenima de Foz, a duodécima edición da Run Foz Run. Esta proba, referencia no panorama atlético do verán, está organizada pola Run Foz Run e o Club de Atletismo ‘Ría de Foz’.

Este ano, e a pesar das restricións impostas pola pandemia da Covid-19, a programación da Run Foz Run é do máis completa e variada. Deste xeito, o sábado 14 de agosto todas as persoas que se acheguen á zona do Cenima poderán desfrutar da animación musical dun DJ, da feira do corredor, dunha colchoneta para os máis pequenos, dunha clase de batuka, de Foodtrucks e dunha andaina (inscricións abertas na web de ChampionChipNorte). O domingo 15, en horario de mañá, é a quenda das carreiras. A proba, regulada baixo un estrito protocolo Covid, conta con diferentes categorías: Pícaros – Benxamín – Alevín – Infantil – Cadete e absoluta, esta última conta cun fermoso percorrido de 7K.

A presentación pública da “XII Run Foz Run” contou coa presenza de Francisco Cajoto (Alcalde de Foz), de Francisco Xavier Fanego (Tenente de Alcalde), de Manolo Cadramón (Xefe do Servizo Provincial de Deportes da Xunta de Galicia), de José Carlos Paleo (Presidente do CCA de Foz) e unha representación da Directiva do Club de Atletismo ‘Ría de Foz’ (Manuel Eiras, Rosalía Rodríguez, Marcos Loureiro e Esmeralda Cuba).

Desde a Run Foz Run e o Club de Atletismo ‘Ría de Foz’ queren agradecer, ademais, a colaboración e a implicación de todos os locais comerciais de Foz coa duodécima edición da proba.

Xa por último, cómpre lembrar que as inscricións (prazas limitadas) seguen abertas na web https://ccnorte.com/

Exit mobile version