Burela, 7 de xullo de 2021. O VII Torneo de Tenis Concello de Burela Memorial José Luis Yebra celebrarase do 19 de xullo ao 1 de agosto. O evento deportivo foi presentado hoxe na praza do Concello.
O concelleiro de Deportes, Ramiro Fernández Rey, contou que “hoxe vimos de presentar o sétimo Memorial José Luis Yebra, que serve para homenaxear a figura desta persoa, que era un gran amante do tenis e un dos impulsores do club deste deporte aquí, en Burela. Vaise celebrar entre o 19 de xullo e o 1 de agosto e hoxe abriuse o prazo para inscribirse no torneo”.
O edil burelés explicou que “desde o Concello seguimos apostando por este torneo e queremos agradecer o traballo do club de tenis para manter vivo este memorial. O Concello vai colaborar en todo o que poida para que se desenvolva da mellor maneira posible”.
Fernández Rey engadiu que “é un torneo que xa é unha tradición no verán en Burela, cada ano vai gañando participantes e o nivel tenístico que se ve é importante. Ademais temos a sorte de contar coa afluencia de moito público para velo. É un atractivo máis para Burela neste verán relacionado co deporte. O que nos gusta é fomentar a práctica deportiva e o club de tenis é un exemplo claro”.
A inscrición estará aberta ata o 14 de xullo ás doce da noite. As modalidades nas que se disputará serán: individual absoluto, dobres absoluto e xoves promesas”.