Esta reducción é consecuencia da posta en marcha, no mes de abril, por parte da Xunta de Galicia, dun Plan de Recuperación da Actividade Asistencial para toda a comunidade autónoma, dotado con 15 millóns de euros, co obxectivo de levar a cabo 230.000 actos asistenciais extraordinarios, entre probas diagnósticas, consultas especializadas e intervencións cirúrxicas.
No que atinxe ás prioridades, a lista de espera de pacientes en prioridade 1, descende, nesta área sanitaria, en 1,2 días, ao pasar de 19,7 en xuño de 2020 a 18,5 en xuño deste ano. A prioridade 2, redúcese en preto de 26 días (25,7), ao pasar de 86,9 días de xuño de 2020 a 61,2 en xuño actual. Por último, os pacientes en prioridade 3 tamén reducen o tempo medio de espera, ao pasar de 105,2 días a 53,8 (51,4).
Polo que respecta ás primeiras consultas, o tempo medio de espera de primeiras consultas de enfermidade na área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte, descendeu en 19,2 días en xuño deste ano respecto do mesmo período do anterior, ao pasar de 85 días de xuño de 2020 a 65,8 do actual. Este descenso resultou especialmente expresivo no distrito de Lugo, onde a demora se reduciu de 78,7 a 47,3 días.
No que se refire ás sete vías rápidas implantadas, o tempo medio de espera nesta área de Galicia é de 2,3 días, na mentres que a media galega está en 4,4. As vías rápidas permiten cumprir o compromiso de atender a pacientes con sospeita de patoloxía grave nun tempo inferior a 15 días dende a derivación do médico de cabeceira ao especialista. Actualmente, este procedemento está implantado en todos os hospitais do Sergas para cancro de mama, colon, pulmón, próstata, vexiga, cancro otorrinolaringoloxico (cabeza e colo) e melanoma. En concreto, os tempos de espera van dende os 5,3 días da de colon á 4,9 da de vexiga.
No tocante ás listas de espera de primeiras probas diagnósticas e/ou terapéuticas, a reducción tamén é importante, posto que descende en 5,2 días, ao pasar dos 102,2 días de xuño do pasado ano, aos 97,0 do actual.
Decreto de garantías
O Sergas destaca, tamén, que a actividade asistencial garantida nesta área sanitaria, no primeiro semestre do ano, grazas á entrada en vigor do decreto de tempos máximos, en xaneiro de 2018, para 108 tipos de patoloxías, 26 probas diagnósticas ou terapéuticas e sete vías rápidas, afectou a 406 cirurxías 811 consultas externas e 804 probas diagnósticas, obtendo, todos os casos, resposta dentro da rede pública do Sergas, e ningún paciente tivo que ser derivado aos centros concertados.
Estes resultados indican o gran esforzo que se realizou neste período, tendo en conta o contexto epidemiolóxico no que estamos inmersos, cumprindo co compromiso de atender aos pacientes que estaban esperando por unha cirurxía considerada de prioridade 1, así como os que tiveron diagnósticos incluídos no Decreto de garantías de tempos máximos de atención, que son, na súa gran maioría, pacientes oncolóxicos, e mesmo nas consultas e probas diagnósticas de vías rápidas de cancro.
Remarcar, unha vez máis, o esforzo, a dedicación e a implicación de todas e todos os profesionais das distintas especialidades e as diversas categorías, imprescindibles para dar máis e mellor atención asistencial aos pacientes.