Ribadeo, 20 de xullo de 2021. Un total de 834 persoas con idades comprendidas entre os 18 e os 29 anos serán chamadas polo Sergas para someterse a un cribado masivo o vindeiro venres, 23 de xullo, en Ribadeo.
O alcalde, Fernando Suárez, explicou que “estamos traballando co Sergas para facer un cribado masivo para a xuventude. Será este venres pola tarde en Ribadeo, no pavillón novo, tal e como se fixera hai uns meses coas veciñas e cos veciños de Arante”.
O rexedor contou que “van avisar a 834 persoas de entre 18 e 29 anos. Segundo nos informan non vai ser necesario inscribirse en ningún rexistro habilitado para este fin. Simplemente o Sergas lles mandará unha mensaxe sms ao teléfono de contacto que teñan na súa tarxeta sanitaria. As mozas e os mozos desa franxa de idade que estean moi pendentes dos seus dispositivos móbiles ao longo das vindeiras horas”.
Suárez Barcia pide “a toda a xuventude que sexa citada para ese cribado masivo que por favor que acudan para confirmar si son positivos e actuar canto antes ou se son negativos para continuar coa súa vida e a súa actividade sen sobresaltos. É polo ben de todos e todas. Estamos en pleno verán, tempada alta para a nosa hostalería e o noso comercio, e non podemos seguir expandindo o virus”.
O alcalde lembrou que “a día de hoxe somos 45 positivos por covid en Ribadeo, uns con síntomas leves e outros asintomáticos. De aí que sexa moi importante concienciarse da necesidade de someterse a este cribado e de seguir tendo moito coidado cos nosos comportamentos.
Debemos levar máscara, debemos seguir hixienizando as mans, debemos manter as distancias de seguridade… se non o facemos e se non nos concienciamos isto non ten fin”.