Viveiro, 28 de xullo de 2021. O Concello de Viveiro será a primeira parada do programa gastronómico e lúdico “Saborea a túa provincia”, posto en marcha pola Deputación de Lugo co obxectivo de promocionar e incentivar o consumo dos produtos locais de calidade e dinamizar a economía dos municipios para acelerar a recuperación tras a pandemia.
O programa presentouse onte no pazo de San Marcos, nun acto de demostración que incluíu o reparto de produtos gastronómicos, sorteos e actuacións. O evento contou coa asistencia da alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, ademais do presidente provincial, José Tomé Roca; deputados e deputadas provinciais, así como alcaldes e alcaldesas doutros municipios incluídos no programa.
As xornadas recalarán este sábado, 31 de xullo en Viveiro, como primeira parada, entre os nove municipios previstos no programa. As actividades, todas elas gratuítas, desenvolveranse nos Xardíns de Noriega Varela dende ás 11:30, hora prevista para a apertura da xornada.
A continuación, entre as 12:00 e as 13:30 realizarase unha demostración e degustación culinaria a cargo da Asociación Provincial de Cociñeiros de Lugo. Está prevista a elaboración de merluza de Celeiro salgada e curada con vizcaína dos seus callos a cargo de Michel Cociña, do restaurante Fumieiro (Covas).
Entre as 12:00 e as 14:00 programáronse varios obradoiros de cociña dirixidos á infancia. Ademais, dende as 13:30 realizarase unha actuación musical dunha hora de duración, a cargo de Tempus Fugit.
Durante a tarde, ás 17:30 está prevista unha charla informativa sobre o porco celta con Aida Sáez Acosta, técnica veterinaria da Asociación de Criadores de Gando Porcino Celta. Doutra banda, o Mago Rafa actuará ás 17:30 co seu espectáculo de maxia.
Os asistentes ás actividades poderán participar nun sorteo de produtos de proximidade da provincia de Lugo que se celebrará ás 19:00. Ademais, ás 19:30 está prevista a actuación musical do grupo Atlántica.
Por último, a xornada pecharase cunha degustación de produtos de proximidade ás 20:00.
As actividades desenvolveranse nun espazo con control de aforo, pero non será necesario reservar previamente. O aforo do evento será limitado a 50 persoas dentro do recinto para cada actividade, 20 persoas no obradoiro de cociña para a infancia e ata 100 persoas na degustación. Todas as actividades do programa organizaranse atendendo ós protocolos sanitarios vixentes.