José Tomé, quen puxo en valor a celeridade á hora de dar os pasos administrativos para que esta firma tivera lugar no primeiro día hábil tras a aprobación do convenio pola Xunta do Goberno o venres pasado, anunciou que, se todo vai sobre o previsto, os traballos sairán a licitación de xeito inmediato, “un paso moi importante para cumprir cunha demanda histórica da veciñanza e do tecido empresarial da Fonsagrada”.
A maiores desta achega para a redacción do proxecto, a Deputación de Lugo xa ten comprometidos outros preto de 600.000€ para acometer as obras do polígono da Fonsagrada. “Un compromiso que está plasmado nun protocolo de colaboración que asinamos o ano pasado”, lembrou o Presidente, quen engadiu que segundo este documento o Concello da Fonsagrada achegará case 150.000€ para as obras.
José Tomé subliñou que “sen o apoio económico da Deputación de Lugo, como ocorre con tantos outros servizos e infraestruturas da provincia, A Fonsagrada non podería contar cun parque empresarial, unha dotación imprescindible, coa que cremos que debe contar como concello cabeceira de comarca, para reforzar o seu papel como polo de desenvolvemento económico, social e laboral, capaz de xerar un efecto multiplicador na zona”.
O Presidente fixo fincapé en que “a Deputación é o Concello dos concellos, e por iso, está sempre aberta á colaboración e ó impulso de proxectos que, pola súa envergadura, exceden a capacidade das arcas municipais. Estamos colaborando cun Concello, que é a misión principal da Deputación; pero, ao mesmo tempo, estamos contribuíndo ó desenvolvemento de toda a comarca da Montaña, e, con elo, impulsando tamén o conxunto a provincia”.