Gómez Puente sinala que a Xunta, gobernada polo PP, fixo un claro ofrecemento de participación económica na financiación da nova depuradora. A Xunta ofrece cubrir una parte do orzamento (50%), sempre e cando a Deputación aporte á restante. O popular Gómez Puente destaca que a Xunta concreta a súa aportación amparada no convenio asinado no seu momento.
Gómez sinala que a realidade é que non se coñece que aportación ten previsto facer o Concello, e tampouco se sabe se Ermida buscou colaboración en outras administracións e cal foi a resposta. O portavoz popular pregunta á alcaldesa se sabe se a Deputación está disposta a aportar cartos para a nova depuradora de San Miguel. Igualmente, sinala que a alcaldesa apuntou que conseguiría fondos do Goberno central e pregúntalle cantos son e onde están.
O portavoz popular destaca: “Todos os que obtivemos representación nas institucións debemos axudar a solucionar os problemas da veciñanza; cando se goberna, hai que xestionar en interese dos administrados”.
Tamén manifestou Gómez: “A realidade é que a Xunta está disposta a poñer sobre a mesa unha cantidade moi concreta e dos outros nada se sabe. A falta de traballo leva a que un ano máis chegue o verán e o problema da depuración das augas residuais estea aínda sen resolver en Barreiros. Do que se trata, señora Ermida, é de traballar e resolver, e, polo que se ve, vostede non resolve”.