Lugo, 7 de xullo de 2021. A medida que pasan os meses aumentan as protestas veciñais polo mal estado da rede de estradas dependente da Deputación, cuxas calzadas acusan o moi prolongado déficit de mantemento. Igualmente é moi chamativo que unha gran parte de dita rede viaria estea aínda sen desbrozar entrado xa o verán. O concello de Muras é unha boa mostra dos graves déficits de conservación que presentan as estradas da Deputación, a cuxo delegado de Vías e Obras, José Tomé, o grupo popular insta unha vez máis a atender as queixas dos veciños máis directamente afectados. O BNG, que ten responsabilidade de goberno en Muras e no pazo de San Marcos, demostra ser incapaz, en opinión dos populares, de conseguir que o goberno provincial, do que forma parte, atenda ás necesidades dos seus veciños.
O portavoz provincial dos populares, Javier Castiñeira, sinala: “Dende o concello de Muras, o grupo provincial do PP, xunto coa voceira popular neste municipio, María Eugenia Requeijo, denuncia a lentitude coa que se desenvolven os desbroces nas estradas provinciais, tanto neste termo municipal como no resto; xa está entrado o verán, e hai queixas en moitos concellos porque as vías aínda están sen rozar, incluso nos lugares turísticos e nos que, como Muras, por ser de montaña, hai especial risco de incendio”. Castiñeira resume: “Isto significa novamente unha moi mala xestión da área de Vías e Obras, que maldirixe o señor Tomé”.
Aproveitando a estancia en Muras, o grupo popular comprobou que a estrada LU-P 66 02, de Ruanova, por Sixto, a Muras, ten o firme moi deteriorado. Castiñeira explica: “É unha zona de montaña e nesta estrada non hai quitamedos; nunha vía de montaña como é esta, esta carencia resulta perigosa. Hai escasa sinalización, incluso a de risco de animais soltos na calzada, algo moi propio deste municipio. E hai un risco grande que é debido a falta de drenaxe das augas que proceden de fontes e escorrentías, que atravesan a estrada; nalgún punto están provocando o afundimento da calzada”.
O mal estado das vías provinciais en Muras ten responsables, tanto no ámbito municipal como provincial. Castiñeira di: “O BNG, con responsabilidades de goberno neste Concello e na Deputación, demostra ser absolutamente inoperante para os veciños de Muras. A pesares de ser un concello con moitos ingresos e boas empresas afincadas no seu termo municipal, gracias a moi boa labor desenvolvida por gobernos populares durante moitos anos, o BNG non é capaz de ter unhas estradas en condicións. Esiximos máis seriedade e máis compromiso con este concello do rural lucense, da montaña; necesita traballo do Concello e da Deputación que, a día de hoxe, botamos en falta”.