Os populares recollen así o sentir dos veciños e pedirán o apoio unánime da Corporación para que Abanca non peche as súas dependencias e continúe, en consecuencia, prestando o servizo como viña facendo ata o de agora. Ademais, segundo adianta a voceira do PP, distintos representantes do Grupo Municipal tamén participarán na concentración prevista mañá, ás 13:00 horas.
“Consideramos que esta decisión ten un grave prexuízo para Muras, xa que, de levarse a cabo, para realizar as xestións bancarias, teremos que desprazarnos ata Vilalba, que é a onde se traslada a sucursal ou ata Roupar; oficina esta última que, por riba, só funciona os martes e os venres”. Por este motivo, Eugenia Requeijo afirma que “é de xustiza que se manteña a sucursal que temos”. “Somos un concello rural e non podemos quedar se este servizo”, insiste.
Os populares amosan así a súa desconformidade coa previsión da entidade bancaria e piden a unidade de todos os grupos políticos para que se siga mantendo en funcionamento, xa que é a única sucursal bancaria que ten este concello. E é que o seu peche, conclúe a voceira, repercutirá “negativamente” nos negocios e nos particulares que, na maioría dos casos, son persoas de idade avanzada.