Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Foz teme que “a lentitude do goberno” derive en que “as obras se realicen cando máis se precisa o campo de fútbol de Malates”

Foz, 20 de xullo de 2021. O Grupo Municipal Popular de Foz denuncia a “desidia e lentitude do goberno de Foz” que deriva na tardanza en iniciar as obras de arranxo do campo de fútbol de Malates que “foron anunciadas no mes de febreiro e que financiaría a Deputación de Lugo”. O voceiro, Javier Castiñeira, explica que “xa nos están chegando as queixas dos clubs que prevén que as obras se farán cando máis se precisa o campo de fútbol”.

O popular sinala que “non entendemos por qué o Concello non ten iniciados eses traballos. Estamos no mes de xullo e non hai ningunha obra nos campos de fútbol”. Castiñeira lamenta, nese sentido, que “moitos clubs, asociacións e incluso campus que está previsto celebrar este verán se vexan prexudicados” e agarda que “as obras non se estean a executar cando se estean a disputar as competicións federativas”. A este respecto, advirte que “as obras para facer nun campo de fútbol deben tratar de facerse no mes de xullo que é o mes con menos actividade”; xa que, “despois, veñen as pretemporadas coma o Club Deportivo Foz ou coma a escola de fútbol da asociación de Santiago de Foz”.

Castiñeira condena a “absoluta falta de organización por parte da concellería de Deportes e de todo o goberno local en xeral” que “chega sempre tarde” e, polo tanto, “prexudica aos veciños e, neste caso, aos máis de 300 usuarios do campo de fútbol de Malates”.

Exit mobile version