O voceiro do PP no municipio, Jose Regueiro, quere coñecer a situación real na que se están a atender estas situacións porque considera que “a seguridade dos veciños é un tema serio e debe ser unha das principais prioridades do goberno local”.
Regueiro explica que “ao non dispoñer dun GES, o Concello debe ofrecer este tipo de servizo as 24 horas do día dos 365 días do ano e, polo tanto, ten que contar cun cadro de turnos do persoal dispoñible para estas tarefas; así coma o material e os medios precisos para desenvolver os traballos en condicións de seguridade”.
Incumprimento do acordo plenario para a creación do GES
Regueiro xa ten advertido da idoneidade de implantar un servizo específico para atender emerxencias na comarca e incluso o Grupo Municipal Popular o demandou varias veces ante o pleno da corporación municipal insistindo en que se dea cumprimento ao acordo de setembro do 2019 para crear un Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES).
O popular recorda que se teñen producido accidentes de consideración e, debido á falta de material axeitado e de persoal cualificado, foi preciso agardar a chegada de equipos de emerxencias dende outros lugares da provincia. Ademais, engade que “no último mes tamén se teñen producido arredor de media ducia de accidentes de tráfico no noso termo municipal“. Por iso, cre que “A Fonsagrada precisa un GES para dar unha mellor e máis rápida resposta ante situacións de emerxencia”.