Nas súas verbas, Lete Lasa apuntou a relevancia dun programa que comezou na tempada 2009/2010 con apenas 80 equipos e un orzamento de 2,2 millóns de euros e que foi medrando ata acadar os 231 equipos patrocinados nesta última edición (125 masculinos, 99 femininos e 7 mixtos) e os 3,15 millóns de euros de orzamento global. En total, nas súas doce edicións, o Plan de Patrocinio ten chegado xa a 1.617 equipos cun total de 33 millóns de euros, grazas á inestimable axuda de ABANCA, que grazas ao acordo acadado en 2020, seguirá colaborando co deporte galego de alto nivel ata o ano 2024, cunha achega total de 10 millóns de euros desde 2015. Do mesmo xeito, Lete Lasa agradeceu a colaboración de Turismo de Galicia coa que vén de asinar un convenio por importe de 2,5 millóns de euros para a promoción do deporte galego. Dese montante total, 1,8 millóns de euros estarán destinados ao Plan de Patrocinio Publicitario dos anos 2021 e 2022.
O secretario xeral anunciou tamén que por primeira vez desde a xénese do plan realizarase un cambio nos prazos para adecuar o devandito plan ao calendario de competición dos equipos galegos. Deste xeito, en setembro de 2021, aprobarase o Plan de Patrocinio correspondente á tempada 2021-2022 que será a edición que contará cun maior orzamento ata chegar aos 3,9 millóns de euros.
Equipos lucenses
Os 24 equipos lucenses patrocinados nesta edición 2021 son o Club Deportivo Burela Fútbol Sala feminino e masculino e o FSF Castro Bloques Cando (fútbol sala); o CB Chantada, Ensino Lugo Club de Baloncesto, Club Baloncesto Breogán e CB Estudiantes (baloncesto); o Club Peluquería Mixta Friol (fútbol); o Club Emevé feminino e masculino (voleibol); o Club Hóckey Femenino Meigas e Club Patíns Lóstregos Lucus (hóckey liña); o CTM Milagrosa (tenis de mesa); o Club Tríatlon Cidade de Lugo Fluvial feminino e masculino, a Asociación Deportiva Tripenta Terras de Lugo feminino e masculino (dúatlon); o Club Triatlón Cidade de Lugo Fluvial feminino e masculino (tríatlon); o Club Fluvial de Lugo feminino e masculino, Club Piragüismo Ciudad de Lugo feminino e masculino (piragüismo sprint) e o Club de Loitas Olímpicas Vilalba (loita libre olímpica).