O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, asistirá á representación no porto desta pequena localidade da Mariña lucense, de orixe medieval e de gran tradición pesqueira, onde se porán en escena tres pezas doutras tantas compañías: Amparo de Entremáns, MAPA de Colectivo Glovo e Con/Sin/In- Tacto, de iXa Universos de Movemento – Xián Martínez.
Son 30 as formacións −23 galegas e sete convidadas do resto de España, Francia e Portugal− que lle dan forma a esta iniciativa, a través da que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade busca compartir co público o gran momento creativo da danza en Galicia, ao tempo que se pon en valor o noso patrimonio cultural e paisaxístico.
Mañá en Palas de Rei
No caso da provincia de Lugo, Propulsa levará diferentes propostas coreográficas a sete destacadas localizacións durante o mes de xullo. Así, a seguinte parada será mañá sábado 3, ás 19,00 h., no Castelo de Pambre en Palas de Rei coas mesmas pezas que se poderán ver hoxe en Rinlo.
O día 9 (20,30 h.) será a quenda de Analepsis de Paula Quintas, Vertebrata de Alejandra Balboa e Canela de Laboratorio Escénico, na praza Conde Fenosa de Portomarín; o día 10 (20,30 h.) a Cía IO representará catro[4”]segundos en Chantada; o día 11 (20,30 h.) o Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL) acollerá as pezas Miñaxoia de Clara Ferrão e Vertebrata de Alejandra Balboa; o día 16 (20,00 h.) bailarán na praza dos Escolapios de Monforte La Macana con Keep Going, Janet Novas con Feelings e São Castro & Antònio M Cabrita con Um solo para a sociedade, e o día 25 (20,00 h.) a praza dos Fornos da Pontenova será o escenario para Voo de Ánxela Blanco, Miñaxoia de Clara Ferrão, Intempestiva de Elahood, e Nexos de Cía. Exire.
Ademais deste programa, durante o verán de 2021 a Xunta de Galicia está a impulsar máis de 3000 actividades por toda a xeografía galega cun investimento superior aos 9M€ ao abeiro do Plan de Reactivación da Cultura. Son actividades que se suman á programación especial do Xacobeo 21-22 e que favorecen a posta en marcha de numerosos eventos que abranguen todas as disciplinas artísticas e dirixidas a todo tipo de públicos, tanto en zonas urbanas como no rural.