Pola súa parte, o portavoz provincial dos populares, Javier Castiñeira, sinalou ao fío da reunión: “Preocupados pola inacción da Deputación de Lugo e pola parálise que vemos no goberno provincial, incapaz de liderar a reactivación económica da provincia, o grupo do PP reuniuse coa presidenta do partido, Elena Candia, para tratar de analizar máis propostas de interese para Lugo”. Explicou: “O PP fai todo o posible por participar na saída desta crise. Así o fixo xa no momento máis complicado da crise sanitaria, mentres o goberno da Deputación chegaba tarde practicamente a todo; non artellou axudas para a recuperación económica do tecido produtivo lucense, algo que desde o grupo popular intentamos reiteradamente, en numerosas ocasións”.
No transcurso da reunión, os populares constataron con preocupación que no goberno provincial “non hai capacidade para xestionar fondos Next Generation de reactivación e resiliencia”. Destacaron que “a Deputación, tamén nisto, vai moi por detrás do resto de administracións, tanto da autonómica, que leva moitos meses traballando eficazmente, como doutras deputacións que teñen avanzados diferentes planes”.
Castiñeira dixo: “O Partido Popular reafírmase na súa postura. Seguiremos promovendo iniciativas para que a provincia de Lugo non se quede atrás, porque o goberno da Deputación pouco, ou nada, está a facer neste sentido e segue na liña de que sexan as outras administracións as que tiren pola provincia, e iso non chega. A Deputación debe liderar e a día de hoxe iso non pasa”.