A Mariña, 9 de xullo, 2021. Esta fin de semana a provincia de Lugo será o escenario de boa parte da programación do festival Atlántica. Están previstos un total de cinco espectáculos en Outeiro de Rei, Mondoñedo, Folgoso do Courel e Alfoz. Todas as funcións son gratuítas, pero para asistir a algunhas delas cómpre reservar por adiantado.
A oferta para o público infantil e familiar comezará coa ‘Festa dos monicreques’ de Larraitz Urruzola. O espectáculo será o sábado ás 19 horas no Alfar dos Muíños, en Mondoñedo. A posta en escena desta función bebe da cultura popular, dos mecanismos e materias propias dos brinquedos tradicionais, dos cantos e da narración oral. A madeira, as teas e a herba trenzada están nos monicreques que usa neste espectáculo e onde tamén se atopan poemas de Rosalía de Castro e cancións populares (reservas no 982 507 177).
Os pequechos e as súas familias terán outra opción cultural con ‘Utopías’ de Atenea García, un espectáculo que combina a narración oral e a manipulación de obxectos. A través de diversas historias os espectadores irán descubrindo os mundos invisibles que nos rodean, eses outros xeitos de vivir dos que non somos conscientes. A función será tamén o sábado ás 7 da tarde pero na Casa Museo Manuel María en Outeiro de Rei (reservas no 698 177 621).
Quenda dos adultos
A galega Charo Pita e o guipuscoano May Gorostiaga achegaranse o sábado ata o Castro de Vilar no Folgoso do Courel para ofrecer unha sesión dobre de contos dirixida aos adultos. O ‘Menú de contos’ de Pita e ‘No meu mundo’ de Gorostiaga son os títulos dos espectáculos que comezarán ás 19 horas e que terán entrada libre ata completar o aforo.
As actividades do sábado rematarán cunha actuación de Quico Cadaval no Castelo de Castrodouro en Alfoz ás 20:30 horas. O público adulto poderá gozar coas historias de ‘Autoestradas e corredoiras’ onde asomarán unhas peixeiras co cesto á cabeza que teñen unha abraiante visión nocturna, un xeneroso condutor que sae da néboa para auxiliar os feridos dun accidente múltiplo e o clásico moderno: un autostopista que ve como vén cara a el un vehículo que endexamais atopara antes. Para asistir cómpre reservar os convites nesta web.
Clausura de Atlántica 2021
O domingo 11 de xullo, a partir das 20 horas, o Castelo de Castrodouro de Alfoz vai ser o lugar da clausura oficial da novena edición do Festival Atlántica. O espectáculo ‘Heroes que dormen, heroes que resisten, heroes que mudan’ consiste nunha mestura de música e historias sobre a Historia artellada por Manuel Gago coa colaboración dos músicos Mano Panforreteiro e Teresa Jareño. Nesta ‘conferencia musicada’ explóranse os mecanismos de resiliencia, resistencia e subversión polos que na cultura galega se forxan os heroes que viven, presentes ou agachados, no imaxinario común. A reserva de entradas para este espectáculo realízase nesta web.