Viveiro, 8 de xullo de 2021. O Concello de Viveiro está realizando obras de mantemento na Área Etnográfica da Insua, procedendo ao arranxo das eivas máis importantes, ocasionadas por actos vandálicos ou polo desgaste propio do paso do tempo. Estes labores forman parte da revisións que o goberno local vén facendo neste espazo no que, ademais, se realizan varios traballos de roza ao longo do ano.
Na área etnográfica da Insua encóntrase o antigo cargadoiro das Minas da Silvarosa. Actualmente, só quedan restos de arqueoloxía industrial das tolvas e do tranvía aéreo bicable, sistema Bleichet, de 5 quilómetros de lonxitude, que servía para transportar o mineral, aproveitando o desnivel da ladeira ata o mar. Alí, almacenábase en grandes tolvas.
A través dun túnel recollíase e lavábase para facelo chegar a unha estrutura de ferro, que se adentraba no mar onde se volcaba directamente nas embarcacións. Unha vez cargado directamente nos vapores de transporte, enviábase con destino a Alemaña, Holanda e Inglaterra, principalmente en tempos de entreguerras, debido á dureza do ferro, co obxectivo principal de facer canóns e balística.
O Concello de Viveiro é consciente da importancia da zona, de gran valor etnográfico, turístico e nacional. Por iso, o goberno local impulsa o acondicionamento da instalación, dende onde se poden observar unhas magníficas vistas da ría de Viveiro e, incluso, asomarse polo antigo cargadoiro, rehabilitado nunha parte da súa lonxitude orixinal.