Viveiro, 7 de xullo de 2021. O grupo de goberno de Viveiro, ante as insinuacións da concelleira do BNG con respecto aos criterios empregados por este concello para a concesión de subvencións nominativas aos clubs deportivos, quere explicar publicamente cal é o procedemento empregado e os criterios que se teñen en conta para asignar a cada unhas das entidades deportivas o importe das axudas concedidas.
No pleno do 4 de maio, a concelleira do BNG presentou unha moción relativa ás subvencións a entidades e colectivos a través de convocatorias por concorrencia competitiva, que resultou rexeitada con 11 votos en contra, 5 abstencións e 1 voto a favor, só o da propoñente da moción.
No pleno seguinte, en xuño, presentou un rogo solicitando información sobre os criterios empregados para a adxudicación das subvencións a asociacións; a pesar de que na sesión plenaria se explicaron os criterios que se teñen en conta, no pleno que terá lugar no día de hoxe preséntase novamente outro rogo insistindo nesta cuestión.
Ante a insistencia e as dúbidas que poidan xurdir ao respecto, dende o concello quérese explicar esta cuestión para deixar claro estes criterios.
Neste sentido cómpre indicar, en primeiro lugar, que o Concello de Viveiro inclúe no seu orzamento para este ano 2021 a concesión de 18 subvencións nominativas para clubs e asociacións deportivas de Viveiro, por importe total de 57.300 euros; ademais de incluír unha partida de 31.000 euros para eventos deportivos.
A normativa vixente permite a concesión de subvencións nominativas ou por concorrencia competitiva e este concello, dende sempre, optou pola modalidade de subvencións nominativas. Neste sentido, cabe destacar que o goberno municipal reuniuse recentemente coa maioría dos clubs e ningún deles maniefstouse a favor da concorrencia competitiva.
Para a adxudicación destas subvencións deportivas téñense en conta determinados criterios segundo se trate de equipos seniors ou clubs con categorías inferiores.
No caso dos colectivos ou asociacións ubicados no concello que contan con categorías inferiores, concédeselles un importe unitario de 1.500 euros como mínimo.
Este importe increméntase nalgúns casos, valorando determinados criterios ou circunstancias. Neste sentido, analízase de forma xeral a categoría na cal militan e valórase, asemade, a súa clasificación para competicións provinciais, galegas ou nacionais.
Tamén se ten conta o número de equipos, por categorías, dentro de cada club; posto que non é igual un club que teña un único equipo que outro que conte con varios equipos por categoría e que, polo tanto, teña que desprazarse nun mesmo día a diferentes localidades para competir.
Hai, ademais, algún outro club ao que se lle incrementa a cantidade concedida, atendendo ás esixencias da súa propia normativa, como pode ser o caso da obrigatoriedade de levar un vehículo en carreira.
Polo que respecta aos equipos seniors, concédeselles unha subvención de 500 euros a cada un deles polo tempo dedicado a ensinar e promocionar o deporte en categoría adultos.
Finalmente, no outorgamento das subvencións tamén se ten en conta os gastos que os clubs tiveron por desprazamento e aloxamento durante a temporada anterior con motivo da súa clasificación en competicións de ámbito nacional.
Os importes destas subvencións concedidas, que dependen do tipo de club, da competición na que participe, do número de participantes e do gasto referido, van recollidas nos orzamentos municipais, polo que hai a máxima transparencia, ao tratarse dun documento sometido á exposición pública e á votación dos membros da corporación.
Cómpre indicar que este reparto se fai en base á experiencia dos anos precedentes, xa que cada club ten a obriga de facer unha memoria tanto deportiva como económica para a xustificacións dos gastos.
Finalmente, quérese recordar que a Concellaría de Deportes está a disposición dos veciños e veciñas para recoller todo tipo de suxerencias.