Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Ribadeo acondiciona o barrio de San Miguel

Ribadeo, 14 de xullo de 2021. O Concello realizará tarefas de acondicionamento no barrio de San Miguel e na rúa Antonio Rodríguez Darriba. O investimento ascenderá a máis de 46.000 euros e o prazo de execución será de 2 meses, segundo deu a coñecer a concelleira de Obras, Mónica Freire Rancaño.

A edil ribadense anunciou que “o Concello de Ribadeo acondicionará o barrio de San Miguel nos vindeiros días. Incluiremos tamén a rúa Antonio Rodríguez Darriba”.

Mónica Freire dixo que “levamos un tempo recollendo moitas demandas da veciñanza desta zona de Ribadeo e sabemos que se trata dun barrio que leva sen actualizar desde os anos 80 e que se atopa en mal estado, polo que entendemos que é prioritario actuar sobre este espazo”.

A concelleira de Obras explicou que “as actuacións que contemplamos neste proxecto inclúen o aglomerado das vías deste barrio de San Miguel e da rúa Antonio Rodríguez Darriba, xunto coa colocación de mobiliario urbano e a mellora na sinalización e tamén a humanización do espazo coa plantación de varias árbores. Temos a previsión de que as obras se inicien nos vindeiros días, contamos para elo cun orzamento de 46.400 euros e temos un prazo de execución de 2 meses”.

Freire engadiu que “estas actuacións servirán para mellorar esta zona, tanto para a veciñanza como para os visitantes xa que se trata dunha importante zona de paso cara ao Cargadeiro e a estrada do Faro e tamén para o porto”. E subliñou que “estas obras, que supoñen o arranxo da primeira fase do barrio, terán continuidade para o vindeiro ano”.

Na zona na que actuará o Concello estiveron o alcalde, Fernando Suárez, e os concelleiros de Obras, Medio Ambiente e Desenvolvemento Local, Mónica Freire, Jorge Díaz e Pablo Vizoso.

Exit mobile version