Ribadeo, 9 de xullo de 2021. O Concello sacou a licitación as obras de mellora integral dun camiño en Covelas, o que une Salcedo con Saa. O investimento ascenderá a 74.000 euros. As empresas interesadas en presentar as súas ofertas dispoñen de 20 días naturais.
O concelleiro de Medio Rural, Marcos Villamil, manifestou que “tal e como tíñamos planificado, hoxe sacamos a licitación a mellora integral dunha vía de comunicación na parroquia de Covelas, concretamente o camiño de máis dun quilómetro de lonxitude que vai dende Salcedo a Saa. Esta obra contempla o aglomerado asfáltico no ancho do camiño e unha lonxitude concreta de 1.240 metros”.
O edil ribadense subliñou que “o custo deste proxecto son 74.000 euros e para o seu financiamento contamos coa Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, que fai dúas pequenas achegas de 26.500 euros, neste 2021, e outros tantos para o ano que vén. O Concello, loxicamente, asume a parte restante”.
E engadiu que “o prazo de execución destas obras é de un mes. As empresas cualificadas que estean interesadas en participar nesta licitación teñan agora por diante 20 días naturais para presentar as súas ofertas”.