Ribadeo, 1 de xullo de 2021. O Concello de Ribadeo convocou hoxe, xoves, outras 5 prazas de socorristas acuáticos para as praias a xornada completa, que se incorporarán o día 16 deste mes.
Os aspirantes teñen que ter a titulación de ESO, Graduado Escolar ou un equivalente ou superior. Ademais deben estar en posesión do título oficial de socorrista acuático con licenza anual renovada e a inscrición no Rexistro Oficial de Socorristas Acuáticos de Galicia.
O alcalde, Fernando Suárez, explicou que “o que pretendemos é completar as prazas de socorrismo que precisamos para prestar o mellor servizo posible nos nosos areais. Contamos con técnicos sanitarios e con 13 socorristas, pero fáltanos 5 máis, de aí que fagamos esta nova convocatoria. Non é doado, debido a todas as esixencias que a Xunta de Galicia pon, pero agardamos poder contar con máis profesionais este verán”.
Os interesados deberán presentar a solicitude no rexistro xeral de documentos do Concello de Ribadeo. O prazo remata ás 14 horas do 8 de xullo.
As probas realizaranse o día 12 deste mes ás 10:00 horas na piscina municipal de Ribadeo.