Segundo a citada proposta, a Praza da Catedral, debidamente ambientada para a ocasión, será o escenario das actuacións. A Praza do Seminario estará dedicada á venda de produtos ecolóxicos e artesáns. O goberno municipal baralla unha terceira ubicación para os postos, que estarían nun lateral da Rúa da Fonte; esta cuestión está supeditada o ditame do Plan de Continxencia Externo, elaborado pola empresa de prevencións de riscos do Concello.
En relación coa Praza do Seminario, este ano suprimiranse algunhas disposicións da normativa pola que se rexe o mercado medieval. As disposicións que cambiarán son as que se indican seguidamente.
A adxudicación farase por orde de entrada, dando preferencia á territorialidade, é dicir, municipio, provincia e comunidade autónoma; nesta orde. O pago efectuarase a través da conta de recadación do Concello, sen fianza, cunha declaración xurada e con base na ordenanza fiscal número 13.
Todas as demais disposición recollidas nas normas serán de obrigado cumprimento.
A montaxe dos postos efectuarase o venres, día 13, dende as 15.00 horas ás 19.00 horas.
Segundo a programación previsto tanto o sábado (14 de agosto) como o domingo (15) haberá ao longo de todo o día numerosas actuacións de rúa. Participarán os seguintes grupos de animación e música de rúa: Camiñantes Brancos, Os Diaños, As Árbores, Himnodium, o Gran Dragón, Odaiko y Á Brasa. Tamén haberá circo de rúa con Circadas, Dosequilibrados, Perruseta e Ojaldrino.