Barreiros, 15 de xullo de 2021. A alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, acompañada polo goberno municipal amosoulle ao delegado da Xunta os edificios que o Concello rehabilitará con cargo a un préstamo concedido polo Instituto de Vivenda e Solo. Dito préstamo foi solicitado no 2020 ao organismo galego, despois de ter realizado unha importante labor de mellora nas contas municipais, xa que ata ese momento non era posible acudir a máis endebedamento debido á situación económica do Concello. Neste ano 2021 xa se comezou a amortizar a anualidade correspondente, finalizando a devolución no 2028.
A alcaldesa explicou que se prevé iniciar a licitación das obras no mes de setembro, comezando coa rehabilitación das escolas que están a carón do concello para habilitar unha zona de arquivo municipal e unha sala de usos múltiples para desenvolvemento de actividades sociais ou culturais. Estas obras están orzamentadas en 200.592,15 euros.
Seguidamente, licitaranse as obras do teleclub de San Cosme, onde se habilitarán oficinas para persoas autónomas ou pequenas empresas e locais para asociacións. O importe desta intervención ascenderá a 513.235,85 euros, que tamén serán financiados con cargo a un préstamo co mesmo período de devolución.
Ana Ermida sinalou a importancia destas obras “para dotar o centro urbano de San Cosme de locais de servizos para a poboación e de centros de atracción de actividades tanto económicas como sociais.” Destacou igualmente que a obtención de dito préstamo foi posible tras a “importante labor de sanemamento das contas municipais, xa que ata o ano 2020 non era posible endebedar máis o Concello, mesmo para realizar investimentos de primeira necesidade, debido á situación económica que se colleu no ano 2019.”
A rexedora agradeceu a visita do delegado da Xunta ao que aproveitou para trasladarlle a importancia de axuda noutros investimentos prioritarios para o municipio, como a depuradora de San Miguel ou o reforzo de determinados servizos municipais, como os servizos sociais.