Site icon Crónica3.com A Mariña

O Club Deportivo San Ciprián suma unha sección de atletismo

Cervo, 13 de Xullo de 2021. O Concello de Cervo acaba de ser testemuña do nacemento dunha nova Escola de Atletismo, que estará integrada no Club Deportivo San Ciprián.

A iniciativa foi presentada nas pistas de atletismo do Complexo Deportivo da Veiga, polo alcalde de Cervo, Alfonso Villares, o edil de Deportes, David Rodríguez, o presidente do Club Eduardo Rubal, e pola atleta local, Olga Vicente, que capitaneará o proxecto, encargándose do adestramento tanto das crianzas como das persoas adultas que desexen sumarse; sen límite de idade.

As persoas interesadas poden informarse e anotarse no teléfono 625 16 13 97.

Desde o Concello de Cervo aplauden a iniciativa “que ben completar a oferta deportiva do municipio e que contribuirá tamén a encher de vida e a dinamizar as instalacións que temos dispoñibles no Complexo Deportivo da Veiga”; cunha pista de atletismo que conta con 6 rúas cunha lonxitude de 400 metros.

Desde a Federación Galega de Atletismo amosaron xa moito interese polo proxecto. De feito, días a atrás, o seu Vicepresidente, Suso Vázquez, desprazouse ata San Ciprián onde mantivo un encontro co concelleiro de Deportes, David Rodríguez, e con Olga Vicente, no que puxo en valor a creación desta nova sección de atletismo “un paso moi importante para este deporte na Mariña”, e destacou o papel de Vicente “como atleta con experiencia a nivel nacional que aportará, sen dúbida, un valor diferencial, ao proxecto”, precisou.

Villares e Rodríguez desexáronlle a Olga Vicente e ao Club Deportivo San Ciprián moitos éxitos con esta nova iniciativa que “complementa o tremendo labor que vén desenvolvendo este Club no noso municipio apostando polo fútbol, o baloncesto, o piragüismo, o tenis de mesa, o billar, e agora o atletismo, “desde o Concello comprometemos todo o noso apoio para contribuír a impulsar este novo proxecto, que sabemos que xa está a espertar moito interese entre a nosa veciñanza”, subliñaron.

Exit mobile version