Lugo, 1 de xullo de 2021. O Centro de Artesanía e Deseño bota a andar o programa “Lugo é Artesanía”, con visitas a unha vintena de obradoiros das distintas comarcas durante os meses de xullo, agosto e setembro.
As visitas guiadas ofrécense en dous formatos, baixo o epígrafe, Xornadas Viaxeiras, no que as persoas asistentes se achegarán, nun mesmo día, a diferentes obradoiros dentro de cada comarca para afondar na relación que cada oficio garda coas características físicas do territorio no que se ubica e tamén no seu patrimonio cultural e etnográfico; e Experimenta Artesanía, no que se propón profundizar nas técnicas e nos proxectos profesionais e vitais de cada artesán ou artesá.
O deputado de Artesanía e Deseño Efrén Castro explicou que “é unha iniciativa pensada para que as persoas participantes coñezan os obradoiros como espazos de traballo e de creación de obxectos únicos, pero tamén para poñer en valor, a través deles, os elementos culturais, patrimoniais e naturais de cada comarca”
“Confiamos en que esta primeira edición do programa poida servir como punto de partida para a creación dunha rede de talleres visitables, que contribúa a mellorar as condicións económicas e de competitividade da artesanía e sirva tamén de base para ampliar o recoñecemento da artesanía en Galiza e fóra”, apuntou o responsábel da área da Vicepresidencia, que puxo énfase no traballo realizado desde o Centrad nos últimos meses para a promoción da artesanía como recurso cultural e como actividade económica, “sostible, pegada á terra e xeradora de oportunidades para a fixación de poboación no rural”.
As actividades estarán guiadas por Guido Álvarez e realizaranse en grupos reducidos, cun número de prazas establecido en función do espazo do que dispón cada obradoiro e a observación significativa da actividade que se desenvolve neles.
As persoas interesadas en participar nas visitas deben inscribirse previamente a través do enderezo electrónico info.centrad@deputacionlugo.org ou no teléfono 982210066. O prazo ábrese o luns, 5 de xullo, ás 9.00 horas. As solicitudes atenderanse por orde de inscrición ata completar a capacidade.
XORNADAS VIAXEIRAS
1.- XORNADA MONDOÑEDO, 10 de xullo
Nesta primeira xornada faremos un percorrido pola cidade histórica de Mondoñedo e visitaremos o barrio dos Muíños para coñecer o escenógrafo e titiriteiro Ton Arenas, o canteiro Fernando Vilariño e os talleres de cerámica Esquina Atlántica e de serigrafía artística Estudio Estampa.
Máximo 20 persoas
2.- XORNADA SUR (Ribeira Sacra e Sarria), 17 de xullo
Na segunda das xornadas coñeceremos a olería da Reitoral de Gundivós e do Obradoiro Fígulus, visitaremos unha barreira e un forno comunitario e xantaremos de pícnic nun dos marabillosos miradoiros da Ribeira Sacra para continuar camiño cara ao obradoiro do luthier Germán Arias en Sarria.
Máximo 15 persoas
3.- XORNADA TERRA CHÁ (Outeiro de Rei e Xermade), 21 de agosto
Na terceira xornada viaxeira visitaremos terras chairegas para coñecer o traballo artesán de Idoia Cuesta e Xaneco. Xantaremos de pícnic en Penas de Rodas e, pola tarde, visitaremos o torneiro Vicente Ledo na aldea artesá da Fraga.
Máximo 15 persoas
4.- XORNADA LUGO, 11 setembro
A cuarta xornada viaxeira será, integramente, a pé, faremos visitas culturais á cidade de Lugo e coñeceremos de preto o traballo de construción de gaitas de Lis, o deseño en cerámica de Mi madre no me deja e a marroquinería de Querqur Leathercraft.
Máximo 15 persoas
5.- XORNADA LUGO, 12 de setembro
Na quinta xornada viaxeira continuaremos a pé con visitas culturais á cidade de Lugo, de camiño aos obradoiros de cerámica, gravado e cartón pedra de Ceniza de Papel, Augatinta e Marga Portomeñe.
Máximo 15 persoas
6.- XORNADA MARIÑA, 18 de setembro
A sexta xornada visitaremos a obra do artista e ceramista Caxigueiro, no Espazo Caritel en Foz, percorreremos a Península da Paz, San Cibrao, onde visitaremos o carpinteiro de ribeira, Francisco Fra, para dirixírmonos ao monte de San Roque onde xantaremos de pícnic. Para finalizar a xornada, visitaremos o complexo Regal Xunqueira e coñeceremos, de preto, o traballo de Alfonso Otero Regal.
Máximo 15 persoas
7.- XORNADA RIOTORTO, 25 de setembro
Na sétima e última xornada coñeceremos o traballo dos ferreiros de Riotorto, a extraordinaria paisaxe que os acolle e a arquitectura etnográfica do seu oficio.
Máximo 15 persoas
EXPERIMENTA ARTESANÍA. Turismo Artesanal Activo
1.- VINUM ET LÚTUM, 11 de xullo
Reitoral de Gundivós, Sober
Máximo 15 persoas
Horario de 9.00 h a 17.00 h
2.- ARTE E CERÁMICA, 18 de xullo
Regal Xunqueira, Viveiro
Máximo 22 persoas
Horario de 10.00 h a 14.00 h
3.- OLARÍA TRADICIONAL DA RIBEIRA SACRA, 1 de agosto
Obradoiro Fígulus, Proendos, Sober
Máximo 15 persoas
Horario de 10.00 h a 20.00 h
4.- MAIS QUE BARRO, 8 de agosto
Obradoiro Ceniza de Papel, Lugo
Máximo 8 persoas
Horario de 11.00 h a 18.00 h
5.- O TORNEADO: UN OFICIO SECULAR, 22 de agosto
Aldea artesá da Fraga, Lugar de Cazás, Xermade
Máximo 3 persoas
Horario de 10.00 h a 18.00 h
6.- O MUNDO DOS BARCOS DE MADEIRA: DESEÑO E TRAZADO, 29 de agosto Estaleiros Fra, San Cibrao Lugo Máximo 6 persoas
Horario de 10.00 h a 18.00 h
7.- AO REDOR DA MÁSCARA ROMANA, 5 de setembro
Obradoiro Marga Portomeñe, Lugo
Máximo 12 persoas
Horario de 10.00 h a 19.00 h
8.- TECENDO A NATUREZA, 19 setembro
Obradoiro Idoia Cuesta, Outeiro de Rei
Máximo 8 persoas
Horario de 10.00 h a 18.00 h