Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG recolle nun mes 23.610 sinaturas en contra da estafa da factura da luz e a favor dunha tarifa eléctrica galega

Santiago de Compostela, 21 de Xullo 2021. O BNG entregou no rexistro da Xunta as 23.610 sinaturas de galegas e de galegos en contra da estafa da factura da luz e a favor da tarifa eléctrica galega, recollidas en apenas un mes de campaña posta en marcha pola formación nacionalista en todo o País, como acción de protesta e de denuncia ante a escalada imparable do prezo da electricidade.

“Facemos a entrega das sinaturas contra a estafa da factura da luz, que é máis estafa que nunca, unha estafa xigante que indigna e cabrea a partes iguais, que está afogando a familias, traballadores e traballadoras autónomas e pequenas en medianas empresas en plena crise. Unha esperpéntica nun País que, como Galiza, é rico en electricidade, que leva décadas pagando os custe sociais e ambientais pero sen obter ningún beneficio”, denunciaba a portavoz nacional, Ana Pontón.

Para a líder nacionalista, a imparable escalada do prezo da luz, -106 € por MWh fronte aos 40,3 de 2020 ou aos 53,41 € de 2019-, a máis cara de Europa e a máis cara da historia só se explica por un sistema normativo pensado a favor do lobby eléctrico e en contra da maioría social, en particular un sistema de fixación de prezos que deriva no que se coñece como beneficios caídos do ceo, polo que o custe final o marca a enerxía máis cara aínda que sexa minoritaria na cesta da puxa.

“E como se imos a un restaurante, pedimos un ovo frito e o pagamos a prezo de lumbrigante, pareceríanos un disparate pero iso é o que pasa agora porque son as eléctricas as que definen as leis pensadas para maximizar os seus beneficios a costa de espremer á cidadanía”, critica Pontón, que ve na rápida recollida de sinaturas “unha mostra de que os galegos e as galegas están fartas desta estafa e queren que se plante cara ás eléctricas”.

E por iso suman o seu apoio a unha campaña para reclamar a tarifa eléctrica galega e a intervención pública no sector da enerxía que inclúa creación dunha empresa pública galega de enerxía para que se sexa xestionada desde o público e a favor da maioría social. Propostas do BNG que avanzou Pontón.

Pese a ser Galiza rica en electricidade, lonxe de ter algún tipo de beneficio, cada vez se paga a luz máis cara, e hai miles de postos de traballo en xogo polo custe da enerxía, mentres hai un veto sistemático do PP e do PSOE á tarifa eléctrica galega.

“Por que os galegos e as galegas pagamos unha factura da luz que é unha estafa nunha Galiza rica en electricidade? Por que no medio dunha crise sen precedentes, coas familias, as pequenas e medianas empresas, as persoa autónomas, a hostalería, o comercio local, e sectores económicos enteiros literalmente afogados estamos ante o prezo da luz máis caro da historia, máis de 100 € por MWh?”, interpelaba Pontón.

Como no entorno europeo

“Suecia, Noruega, Dinamarca, Francia, Alemaña son países con tarifas diferenciadas, e as zonas produtoras pagan menos. Por pura lóxica, posto que é máis barato dar subministro eléctrico alí onde se produce, e tamén por xustiza, para compensar polos custes ambientais e sociais, por que en eses países si e aquí non?”, se pregunta. A resposta: porque o lobby eléctrico ten cadeira preferente tanto no Consello de ministrxs como no Consello da Xunta.

“Vemos como nos consellos de administración de ENDESA, Naturgy ou Iberdrola se sentan ex presidentes, ex ministros e ministras do PP e do PSOE”, denunciou, en referencia ás portas xiratorias, “e se lle pagan un pastizal non é polo seu coñecemento do sector eléctrico senón para influír nos gobernos”, ironizou.

A portavoz do Bloque foi moi crítica coa inacción do presidente da Xunta. “Non fai nada de nada, máis aló de apoiar a causa do lobby eléctrico facilitando un boom eólico depredador, que é unha auténtica bomba para o medio rural. E, a outra aportación de Feixóo, vetar de xeito sistemático a tarifa eléctrica galega impedindo que as familias e as empresas paguen menos pola luz”, concluíu.

Exit mobile version