A proposta presentada polos nacionalistas, e apoiada polo PSdG, saíu adiante malia a oposición do Partido Popular que no debate plenario “se puxo de perfil” evidenciando un “xiro” que, segundo remarcou o voceiro nacionalista Efrén Castro, “fai que estas propostas, que son unha reivindicación histórica do BNG, sexan hoxe máis necesarias ca nunca”.
“O Dia da Galiza Mártir pretende homenaxear as persoas asasinadas e represaliadas por defenderen os dereitos democráticos. As institucións temos a obriga de contar a historia como foi e repoñer as vítimas. Dino todos os tratados internacionais e fano outros estados, independendemente da súa ideoloxía”, argumentou o voceiro do BNG e deputado de Memoria Histórica no goberno provincial.
“Porque non queren homenaxear a xente que morreu por defender os valores democráticos. Explíqueno porque non o entendemos”, instou á bancada popular o deputado nacionalista que advertiu de que “os posicionamentos do PP fan que no Estado español se estean a discutir día a día valores democráticos firmes”.
Ademais de instar á Xunta ao recoñecemento oficial do Día da Galiza Mártir, a proposta compromete á Deputación de Lugo a “promover institucionalmente a celebración de actos protocolarios de rehabilitación pública e política para o primeiro “Día da Galiza Mártir” que se conmemore e de aí en diante”
A conmemoración do Día da Galiza Mártir foi instaurada en 1942 en Bos Aires, polos galegos no exilio, na honra de Alexandre Bóveda, fusilado na Caeira, en Poio, no 1936, tras un xuízo militar sumarísimo.