Lugo, 27 de xullo de 2021. O BNG reiterou no pleno provincial a demanda “de medidas de reforzo da atención primaria” para paliar “a sobrecarga de traballo dos profesionais sanitarios” e “o incremento das listas de agarda” nos centros de saúde, que se están a intensificar a raíz da pandemia tras máis dunha década de recortes do goberno de Feijoo.
A demanda recóllese na proposta presentada polo goberno provincial ao Pleno, aprobada malia os votos en contra do Partido Popular. No debate da iniciativa, a deputada nacionalista e vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, urxiu á Xunta de Galiza a “investir máis no sistema sanitario público” e atender as reclamacións de reforzo por parte do persoal sanitario, “abandonado” polo goberno galego durante a pandemia e que agora “ten que facer fronte á ao incremento da demanda asistencial provocada polas pegadas da pandemia na saúde das persoas e polo incremento dos contaxios”.
A vicepresidenta botoulle en cara ao Partido Popular a “precariedade na que está instalada a sanidade pública desde a chegada de Feixóo ao goberno” e lembrou que “máis da metade dos profesionais que rematan o MIR rexeitan traballar no Sergas” porque se ofrecen condicións “denigrantes” con contratacións por “dias ou mesmo por horas”.
Maite Ferreiro reiterou a preocupación do BNG polas “dificultades” que unha parte da poboación, sobre todo a de máis idade, ten para o acceso á atención primaria a través da citación e a atención telefónica.
Ademais, manifestou o apoio do BNG ás concentracións que se están a realizar nas últimas semanas nos concellos da Mariña, convocadas pola Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña, e que continuarán este xoves en Ribadeo.
Moción na defensa dunha PAC que recoñeza a “realidade do rural galego”
En plena negociación do plan estratéxico que rexera o reparto dos fondos da PAC en cada Estado, o BNG instou á corporación provincial a demandar á Xunta de Galiza e ao Ministerio de Agricultura a “acadar unha PAC que recoñeza a realidade do rural galego para o período 2023-2027”.
Na proposta, aprobada cos votos a favor do PSdG e a abstención do PPdeG, a formación nacionalista fai fincapé na necesidade de “recoñecer a totalidade da superficie pastoreada como admisible no caso dos pastos arbustivos e baixo arboredo” e introducir criterios que favorezan as “prácticas de gandeiría extensiva compatibles coa coexistencia co lobo e co oso”. Tamén avoga por unha distribución dos fondos que “apoie ás persoas produtoras” e “recoñeza o papel vital das mulleres no agro e no rural”.
Rehabilitación integral da Casona do Incio
Por outra banda, o BNG reiterou o seu compromiso coa conservación da Casona do Incio a través dunha emenda que compromete ao goberno provincial “a realizar traballos de consolidacion e mantemento que garantan a integridade estrutural do edificio” e a rehabilitación integral sempre que se deseñe “un proxecto de uso que teña en conta a utilidade pública do edificio”.