Viveiro, 2 de xullo, 2021. O pasado 22 de xuño, coñecíamos que o TSXG reclamaba 12 unidades xudiciais «esenciais» para evitar saturacións, mentres que nos Xulgados de Viveiro están entrando o DOBRE de asuntos que deberían ter entrada segundo os módulos aprobados polo Consello Xeral do Poder Xudicial e o Ministerio de Xustiza.
As traballadoras e traballadores dos Xulgados de Viveiro soportan unha carga de traballo do 180%, sendo sometidos a inspeccións virtuais cada tres meses por parte do Servizo de Inspección do CXPX, pero sen poñer ningunha solución enriba da mesa. Un absoluto escándalo. Temos a seguridade de que se o partido xudicial de Viveiro estivese ubicado na Comunidade de Madrid, xa estaría creado o terceiro órgano xudicial e incluso estarían tramitando a creación dun cuarto xulgado.
Tendo en conta a situación isostible que están a padecer as persoas traballadoras dos Xulgados de Viveiro, así como os meses de espera que debe soportar a veciñanza para calquer proceso xudicial, rogamos que a señora alcaldesa informe cales son as xestións concretas que está a realizar co Ministerio de Xustiza para lograr a creación do terceiro xulgado para Viveiro.