Santiago de Compostela, 28 de Xullo 2021. O BNG fai un novo chamamento á prudencia ante o avance da quinta onda tendo en conta que aínda hai moita poboación sen vacinar, en particular entre a xente moza, e outra moita sen a pauta completa. E volve pedir que se reforce unha sanidade pública.
“O Goberno de Feixóo segue repetindo erros como senón tivesen pasado quince meses de pandemia e o principal deses erros é non reforzar a sanidade pública, en particular á atención primaria, que está baixo mínimos cun persoal exhausto e aínda máis minguado do habitual debido as vacacións estivais”, salienta a viceportavoz parlamentaria, Olalla Rodil.
“Segue sen reforzar a sanidade pública, sen dotala dos medios necesarios e buscando a quen botar a culpa”, critica Rodil tras a comparecencia do conselleiro de Sanidade, “agora acusan ás persoas afectadas de escatimar información sobre os seus contactos, dando a entender que pretenden ocultar a situación”. Fronte a ese empeño do Executivo do PP de buscar cabezas de turco, o BNG insiste en pedirlle que, en lugar de buscar culpables, “asuma a súa responsabilidade”.
O Bloque tamén critica que, con quince meses de pandemia ás costas, o Goberno de Feixóo persista en tratar o virus como unha cuestión “individual” e non de saúde pública.
“A pandemia non é un asunto persoal, de cada unha de nós, senón un problema de saúde pública que esixe dos medios materiais e humanos para facerlle fronte”, recalcou, pero a realidade é que “os servizos sanitarios non se reforzaron, non contan cos medios necesarios e iso pese a estar en pleno verán con moitos profesionais desfrutando do merecido descanso pero sen que se puxeran efectivos para substituílos”.
Neste sentido, denunciou que a Xunta queira suplir a falta de persoal como os rastrexadores por unha especie de autoxestión na realización de probas de antíxenos. “Non hai rastrexadores, e ante a falta de persoal se deriva cara os auto-tests de antíxenos para que os fagamos nas nosas casas ou no mellor dos casos nas farmacias, cando o Goberno debería poñer os recursos necesarios e reforzar a sanidade pública nesta quinta onda, en particular a atención primaria”, concluíu.