Neste sentido, a formación nacionalista a través do seu portavoz parlamentario de Medio Rural, Xosé Luís Rivas, pide “prudencia” nas declaracións que se fan desde o Goberno do Estado e critica que se culpabilice “inxustamente” a un sector moi impactado economicamente pola pandemia, e para o que as declaracións do titular de Consumo “supoñen un mazo inxustificado”.
Neste sentido, Rivas destaca que onde hai que poñer o foco é “nun modelo de consumo que importa masivamente alimentos producidos a miles de quilómetros en condicións sanitarias e laborais que non están homologadas coas do País, mentres que, ao mesmo tempo, temos 300.000 hectáreas agrogandeiras abandonadas ou infrautilizadas cun Goberno da Xunta indolente ante ese abandono de terras e sen a máis mínima preocupación por cuestións como a soberanía alimentaria”.
“A gandaría de carne de vacún e ovino-cabrún en Galiza é maioritariamente extensiva, aliada na loita contra o cambio climático, fundamental para vertebrar o territorio e asentar poboación, temos unha produción de proximidade de calidade e, no caso do vacún, o sector máis potente de todo o Estado”, recalcou.
O BNG considera, ademais, que cuestións complexas como a dunha alimentación saudable require un debate serio e sosegado, que tamén teña en conta cuestións como a pobreza de moitas familias para poñer na súas mesas precisamente carne de calidade como a que produce o sector en Galiza.
E, ao tempo, hai que diferenciar entre as explotacións agrogandeiras extensivas e sustentables maioritarias neste País das explotacións intensivas e depredadoras co medio ambiente doutras latitudes das que, como denunciaba Rivas, se importan toneladas de carne para o consumo tamén en Galiza.
A formación nacionalista apoia ao sector cárnico galego, que aporta alimentos de gran calidade cunha produción respectuosa do medio ambiente e apela a consumir o produto local, de proximidade e quilómetro cero: bo para a saúde e bo para o medio ambiente.