Viveiro, 27 de xullo, 2021. Nas inmediacións dos Xardíns Noriega Varela e nunha localización envexábel, atópase o Palco da Música, tamén chamado Templete da Música, fechado e en desuso como moitas outras instalacións municipais no Concello de Viveiro. Dende o BNG consideramos que esta instalación debera estar en pleno funcionamento contando con actividade no local que se atopa nos baixos e reabrindo os aseos cos que conta para uso da veciñanza.
En canto ao local situado no baixo, contou con actividade comercial como Kiosko até o seu feche demostrando que é viábel desenvolver actividades nese espazo, podendo estar dispoñíbel para novos usos.
No que respecta aos aseos públicos, nesta era Covid na que tivemos que convivir coa hostalaría fechada, evidenciouse aínda máis a necesidade de ofrecer este servizo dende as entidades municipais e atender así a demanda deste servizo por parte da veciñanza de Viveiro.
Tendo en conta que este Palco da Música está en desuso dende hai tempo, propoñemos para acordo plenario os seguintes puntos:
. Desenvolver o proceso necesario para licitar o uso do local situado no baixo desta instalación.
. Reabrir e pór a disposición da veciñanza os baños situados baixo o templete da música adaptándoos á normativa actual en canto a accesibilidade e servizos como un cambiador de cueiros.