No Estado español, o prezo do combustíbel pesqueiro é de 45 céntimos o litro e, de aprobárense as medidas propostas, podería chegar a dobrar o seu prezo, un novo ataque ao sector sen ter en conta nin a súa importancia económica nin moito menos a súa implantación e importancia social en moitos territorios altamente dependentes del, como o galego e especialmente a Mariña.
Ao entender do BNG de Foz, Galiza e A Mariña non pode seguir permitíndose actuacións deste tipo que aboquen paulatinamente a unha das principais frotas da UE á súa desaparición e nunha comarca coma a nosa altamente dependente da pesca e con centos de embarcacións, polo que dende a Xunta de Galiza débese defender con firmeza a un sector que proporciona miles de postos de traballo directos e indirectos e que é sostíbel medioambientalmente. Coa proposta aprobada por unanimidade, o BNG de Foz trata de facer chegar a todas as institucións (Xunta e Ministerio) que as medidas que se pretenden non están a ter en conta as consecuencias económicas pero, sobre todo, sociais que traerían aparelladas, po lo que debería concordarse un plan de acción diante da UE e da OMC que teña como obxectivo a defensa clara dos intereses da frota pesqueira galega, neste caso no referido á posíbel eliminación das exencións fiscais aos combustíbeis. Asemade acordouse instar a poñer en marcha mecanismos de continxencia que palíen as consecuencias das previsíbeis medidas que se pretenden implantar e finalmente a que o goberno do Estado non afecte ao sector pesqueiro con medidas fiscais que teñan por obxecto incrementar o prezo do combustíbel destinado á actividade pesqueira.