Santiago de Compostela, 22 de xullo 2021. O BNG fixo hoxe dende A Coruña un chamamento ao conxunto da sociedade a pendurar a bandeira galega de xanelas e balcóns coincidindo coa semana do 25 de Xullo, Día da Patria Galega, para celebrar e sentir “o orgullo do que somos e de pertencer a esta nación”.
Así o explicou a viceportavoz parlamentaria do Bloque, Olalla Rodil, nun acto no que tamén participaron a deputada Noa Presas, o portavoz municipal, Francisco Jorquera, e a concelleira Avia Veira, e no que realizaron unha colocación simbólica da insignia nun inmoble da Coruña, cidade na que se pendurou por primeira vez a bandeira galega nunha institución, concretamente no Concello, hai xusto 100 anos.
“Temos unha oportunidade enorme todas as galegas e todos os galegos este 25 de Xullo de celebrar que somos unha nación, un pobo no mundo, orgullosas de sermos galegas e galegos, que é a forma na que nós estamos no planeta”, asegurou Rodil, quen tamén salientou o carácter reivindicativo da data: “de reivindicación do que somos, orgullosas de ser un pobo traballador que ten moitísima historia tras de si, pero, sobre todo, que ten moitísimo futuro por diante”.
Así pois, a viceportavoz nacionalista no Parlamento galego apelou a este espírito para facer este chamamento a engalanar as súas fachadas “a todas as persoas que viven e traballan neste país, nacesen aquí ou non, para sentir o orgullo de pertencer a esta nación, a este pobo” e, segundo recalcou, para “construír colectivamente”.
Por último, Rodil tamén aproveitou este acto para animar dende o BNG ao conxunto da sociedade a secundar a manifestación este próximo domingo, 25 de Xullo, nunha mobilización que sairá ás 12h da Alameda de Santiago de Compostela, “e a facelo con toda a seguridade e con toda a tranquilidade porque imos garantir todas as medidas de protección sanitarias para que poidamos celebrar e manifestarnos no día da nosa nación, da nosa patria, con todas as medidas de seguridade”.