Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Viveiro alerta que o grupo de goberno non realizou ningunha xestión administrativa para a creación do terceiro xulgado

Viveiro, 30 de xullo, 2021. No pasado pleno de xullo, presentábamos un rogo para saber a xestións realizadas polo Goberno Municipal a respecto da creación do terceiro xulgado para Viveiro, o cal dicía o seguinte:

O pasado 22 de xuño, coñecíamos que o TSXG reclamaba 12 unidades xudiciais «esenciais» para evitar saturacións, mentres que nos Xulgados de Viveiro están entrando o DOBRE de asuntos que deberían ter entrada segundo os módulos aprobados polo Consello Xeral do Poder Xudicial e o Ministerio de Xustiza.

As traballadoras e traballadores dos Xulgados de Viveiro soportan unha carga de traballo do 180%, sendo sometidos a inspeccións virtuais cada tres meses por parte do Servizo de Inspección do CXPX, pero sen poñer ningunha solución enriba da mesa. Un absoluto escándalo. Temos a seguridade de que se o partido xudicial de Viveiro estivese ubicado na Comunidade de Madrid, xa estaría creado o terceiro órgano xudicial e incluso estarían tramitando a creación dun cuarto xulgado.

Tendo en conta a situación isostible que están a padecer as persoas traballadoras dos Xulgados de Viveiro, así como os meses de espera que debe soportar a veciñanza para calquer proceso xudicial, rogamos que a señora alcaldesa informe cales son as xestións concretas que está a realizar co Ministerio de Xustiza para lograr a creación do terceiro xulgado para Viveiro.

E foinos dada a seguinte resposta escrita, asegurando que se están:

“a realizar os trámites necesarios vía Delegación do Goberno vía Ministerio de Xustiza, dentro do que podemos, para que Viveiro poida ter un terceiro xulgado”.

Ante tal resposta, baleira de contido, o pasado 8 de xullo solicitábamos por rexistro:

Se expoña de xeito máis concreto as actuacións levadas a cabo polo Goberno municipal e pola Delegación de Goberno, con indicación dos días e horas en que se produciron esas xestións, así como as persoas actuantes nas reunións e a documentación presentada e/ou requirida polo Ministerio de Xustiza.

Ademais, deberá indicar se existe algún compromiso verbal ou escrito da área socialista do Goberno de España para a creación do Xulgado número 3 de Viveiro.

A resposta a tal escrito, foi unha vez máis baleira, e sempre evasiva co pretexto de que:

“non é en si documentación administrativa e polo tanto non forma parte de ningún procedemento administrativo”

Polo que solicitamos de novo que a Alcaldía informe concretamente das actuacións que ten desvolto para conquerir a creación do 3º Xulgado. Cales son “os trámites desenvoltos dentro do que podemos” que afirma a Alcaldía estar efectuando?

“Entre as continuas evasivas para dar información ao BNG, Loureiro afirmou a inexistencia de documentación administrativa que favoreza á creación do terceiro xulgado por parte do Goberno Municipal”, afirmou Míriam Bermúdez.

Exit mobile version