“Son varios os concellos da comarca de Valdeorras que, ante a imposibilidade de atopar socorristas, renunciaron á apertura das piscinas públicas, advertencia que para futuros anos xa realizaron outros moitos concellos galegos”, explica a modo de exemplo o deputado por Ourense, Iago Tabarés, que traslada este asunto ao Parlamento a través de varias iniciativas con dúas demandas concretas ao Goberno galego: cursos de formación de socorristas e anticipación nas liñas de axudas aos concellos para a súa contratación.
“O que reclamamos e que a Xunta fomente e subvencione a organización de curso de socorrismo que permitan a obtención do Certificación Profesional de Socorrismo e, por outro lado, que a resolución da convocatoria de axudas destinadas aos concellos para contratar este persoal en praias, piscinas e espazos fluviais non se demore máis alá do mes abril do ano da contratación”, explica Tabarés.
Igualmente, o deputado nacionalista fai fincapé na necesidade de que por parte da Administración se contribúa a garantir as condicións laborais deste colectivo e a “dignificar” dunha actividade “fundamental para un ocio seguro da veciñanza e para que esta dispoña de lugares de lecer seguros na época de verán”.
A normativa en vigor establece que as piscinas de uso público deben contar co servizo de socorrista, un requisito que está levando, advirte Tabarés, á renuncia de moitos concellos á apertura da piscina municipal, co prexuízo que tal implica tal decisión para a poboación. Pero ano tras ano se repite esta dificultade sen que a Xunta tome medidas para corrixir a situación e garantir que a veciñanza desfrute das piscinas no verán, en particular naqueles lugares onde non hai outra alternativa para refrescarse das altas temperaturas. Esa é a pretensión das iniciativas presentadas polo BNG no Parlamento.