Santiago de Compostela, 11 de Xuño 2021. En pleno período estival moitos concellos non poden abrir as súas piscinas municipais por falta de socorristas, unha cuestión que afecta especialmente aos municipios do interior onde a piscina pública é unha das poucas alternativas de lecer que permite combater as altas temperaturas en moitas vilas do País. Manter pechados estes establecemento por falta do persoal que garanta un ocio con seguridade supón, por tanto, un prexuízo evidente para a veciñanza.
“Son varios os concellos da comarca de Valdeorras que, ante a imposibilidade de atopar socorristas, renunciaron á apertura das piscinas públicas, advertencia que para futuros anos xa realizaron outros moitos concellos galegos”, explica a modo de exemplo o deputado por Ourense, Iago Tabarés, que traslada este asunto ao Parlamento a través de varias iniciativas con dúas demandas concretas ao Goberno galego: cursos de formación de socorristas e anticipación nas liñas de axudas aos concellos para a súa contratación.
“O que reclamamos e que a Xunta fomente e subvencione a organización de curso de socorrismo que permitan a obtención do Certificación Profesional de Socorrismo e, por outro lado, que a resolución da convocatoria de axudas destinadas aos concellos para contratar este persoal en praias, piscinas e espazos fluviais non se demore máis alá do mes abril do ano da contratación”, explica Tabarés.
Igualmente, o deputado nacionalista fai fincapé na necesidade de que por parte da Administración se contribúa a garantir as condicións laborais deste colectivo e a “dignificar” dunha actividade “fundamental para un ocio seguro da veciñanza e para que esta dispoña de lugares de lecer seguros na época de verán”.
A normativa en vigor establece que as piscinas de uso público deben contar co servizo de socorrista, un requisito que está levando, advirte Tabarés, á renuncia de moitos concellos á apertura da piscina municipal, co prexuízo que tal implica tal decisión para a poboación. Pero ano tras ano se repite esta dificultade sen que a Xunta tome medidas para corrixir a situación e garantir que a veciñanza desfrute das piscinas no verán, en particular naqueles lugares onde non hai outra alternativa para refrescarse das altas temperaturas. Esa é a pretensión das iniciativas presentadas polo BNG no Parlamento.