Ribadeo, 19 de xullo de 2021. O alcalde, Fernando Suárez, valora de xeito positivo a apertura de novas iniciativas de negocio en Ribadeo neste momento tan complexo, pola evolución da pandemia do covid19, pero lembra que o Concello ten que garantir o cumprimento continuado das normas urbanísticas e sanitarias, tanto da administración local como da galega e da estatal.
O rexedor referiuse hoxe á noticia dunha nova actividade de hostalaría a desenvolver na Praciña de San Roque: “débese dicir en primeiro lugar que se valora positivamente o ánimo de apertura de novas iniciativas de negocio, xusto nuns momentos complexos derivados da pandemia que aínda sufrimos, e que se cadra, está a recruar nestes días”.
Suárez Barcia subliñou que “desde o Concello debemos ter a misión de manter un equilibrio, ás veces tamén complicado, no senso de dar facilidades para que a iniciativa privada poida desenvolverse sen moitos atrancos. De feito, unha das medidas que rexen desde o inicio da pandemia e incluído todo este ano natural de 2021 é que o Concello non aplica ningunha taxa ou tributo pola ocupación de vía pública para as terrazas dos locais de hostalaría”.
E puntualizou: “con todo, o Concello tamén ten que garantir o cumprimento continuado das normas urbanísticas, sanitarias, tanto da nosa administración local como da galega e da estatal”.
O alcalde explicou: “e o caso particular que nos ocupa ten precisamente as dúas partes desta balanza. E se ben é certo que a forma e materiais das terrazas están regulados por unha ordenanza municipal de obrigado cumprimento para todas as empresas que inicien a súa actividade, tamén hai que sinalar que o responsable do establecemento desatendeu sistematicamente as instrucións das outras normativas municipais en canto ao número máximo de mesas e cadeiras a instalar nunha determinada superficie, así como as distancias entre elas”.
Fernando Suárez seguiu a relatar que “finalmente, despois de facer caso omiso ás instrucións dadas polos técnicos municipais tivo que acabar indo a Policía Local para instar á recollida dese mobiliario non autorizado, e non só por motivos estéticos”.
O rexedor engadiu que “esta nota de prensa de aclaración sucinta da situación deste expediente faise precisamente no día que acabamos de saber polos datos do Sergas que en Ribadeo temos 37 persoas contaxiadas de Covid e de que a cifra non para de medrar día a día.
Desde o Concello facemos unha chamada ao compromiso responsable de todos, para que esta situación se reverta proximamente e non entremos en procesos dolorosos de limitación de horarios, aforos, de movementos, etc”.